A Unión Federal de Policía de Pontevedra plántase diante da administración
Por Oskar Viéitez
A Unión Federal de Policía de Pontevedra (UFP) organización sindical representativa dos axentes da Policía Nacional fai pública a "ruptura de calquera tipo de negociación ou grupo de traballo cos representantes políticos e policiais do Goberno de España na provincia de Pontevedra".
Este sindicato policial xustifica a súa decisión ao quedar a Comisaría de Pontevedra sen a Unidade de Prevención e Reacción e Redondela sen comisaría de distrito.
Desde a UFP insisten en que as comisarías da provincia de Pontevedra necesitan unha actualización dos catálogos de postos de traballo que garantan os seus grupos a pleno rendemento, Pontevedra precisa unha unidade UPR e unha comisaría do século XXI, Vigo unha terceira comisaría de Distrito en Redondela, unha unidade de Guías Caninos e unha brigada móbil con dependencias propias na nova estación do AVE.
"Pero por encima de todo, os policías necesitan que se lles dote de roupa, chalecos antibalas, vehículos e ordenadores para traballar", reclaman.