Salcedo, epicentro dunha nova operación policial antidroga en Pontevedra con sete detidos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Desde as sete da mañá deste martes desenvolveuse en Pontevedra unha operación conxunta da Policía Local e a Garda Civil contra o tráfico de drogas. O balbordo deste operativo foi importante ao realizarse rexistros en varios puntos da cidade. Ademais, durou varias horas, ata preto das dúas da tarde.
Polo momento, a información sobre este dispositivo é bastante escasa, dado que se decretou o segredo de sumario, aínda que fontes consultadas por este xornal confirmaron que se produciron polo menos sete detencións. A todos eles atribúenlles delitos contra a saúde pública.
Fontes da investigación confirmaron a PontevedraViva que o operativo, dirixido pola Garda Civil, está centrado no tráfico de droga a pequena escala e permitiu a intervención de pequenas cantidades de distintas substancias, entre elas marihuana e cocaína.
O epicentro deste operativo policial sería unha casa situada en Salcedo, en San Blas. Alí producíronse tres dos sete arrestos. Trátase de tres persoas novas das que polo menos dúas terían a residencia nesta vivenda, un chalé unifamiliar de gran tamaño con piscina e pista de tenis e que ten unha construción anexa. A vivenda é propiedade da familia de polo menos un dos detidos e outro dos detidos estaba de aluguer na propiedade.
Realizáronse en total seis rexistros, xa que ademais de en Salcedo, os axentes estiveron tamén en dúas vivendas de Monte Porreiro, nunha propiedade de Manuel del Palacio, nunha vivenda do Paseo de Colón e nun mesón da rúa Peregrina.
Esta operación contra o tráfico de droga está dirixida polo xulgado de instrución número 2 de Pontevedra, onde está previsto que os detidos pasen a disposición nos próximos días. En principio, descártase que poida ser xa o mércores..
Relacionadas:
-
A redada de Pontevedra achou múltiples drogas, armas e máis de 16.000 euros en efectivo
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Quedan en liberdade dous dos sete detidos por tráfico de drogas na redada con epicentro en Salcedo
Por Natalia Puga | Creada e actualizada