As instalacións públicas municipais de Bueu quedan pechadas a partir deste xoves
Por Redacción
O Comité de Seguimento e Avaliación da Covid-19 do Concello de Bueu, que está integrado polo alcalde, os concelleiros do goberno e o xefe da Policía Local, decidía durante a tarde deste mércores as medidas concretas que se van a levar a cabo con motivo da entrada a partir das 00.00 horas deste xoves no nivel de estado de alerta máxima.
O Concello pechará as instalacións públicas municipais, que non se poderán utilizar para ningunha actividade. Só se establece como excepción os pavillóns deportivos, dos que soamente poderán facer uso os clubs e persoas que compitan en deporte federado, tal e como recolle a normativa da Xunta.
O mercado ambulante, que se celebra os luns e os xoves, tamén se mantén ao estar amparado pola normativa. O Concello entende que ademais se ampliou o espazo e garántese a separación entre os postos.
O luns, os responsables da Consellería de Sanidade terán un novo encontro co alcalde de Bueu Félix Juncal. Nesa reunión avaliaranse os contaxios e estudaranse as medidas que se teñen que aplicar.
Desde o goberno local piden tranquilidade e serenidade á poboación e que interioricen a nova normalidade. Lembran a necesidade de que se manteñan todas as medidas de hixiene e seguridade.
O goberno de Félix Juncal tamén deu indicacións á Policía Local para que incremente a vixilancia e control, para evitar as aglomeracións de persoas en determinados espazos da vila.
Relacionadas:
-
Incremento de controis para revisar o cumprimento das medidas de seguridade en Bueu
Por Redacción |
-
Félix Juncal fai un chamamento á responsabilidade colectiva e individual para reverter a curva de contaxios
Por Redacción |
-
Aumentan as restricións en Bueu e A Illa e levántase o peche perimetral en Barro
Por Redacción |