Denuncian unha empresa de Poio por enviar 14 traballadores galegos a cavar gabias a Alemaña e non pagar
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A CIG e varios traballadores contratados pola empresa Camsoar, rexistrada en Campelo (Poio), denunciaron publicamente este venres a odisea que viviron nos últimos meses. Segundo indican, esta entidade estafou a 14 traballadores aos que lles prometeu unhas condicións laborais vantaxosas nas que destacaba un salario de 3.500 euros ao mes para traballar en Alemaña. Esas condicións xamais chegaron a cumprirse.
Mario Maceiras, responsable de Negociación Colectiva da CIG-Construción, tivo coñecemento do caso cando varios dos afectados se atoparon ante os incumprimentos reiterados que comprobaron xa desde o inicio da viaxe a Alemaña.
Os traballadores afectados explicaban este venres que non chegaron a asinar contrato algún antes de emprender a marcha. Prometéraselles un anticipo de 400 euros a cada un para facer fronte aos gastos do viaxe pero esa cantidade reduciuse a 350 euros para todos, unha cantidade moi reducida para estes empregados que se trasladaron nun coche particular e nunha furgoneta da empresa ata unha localidade próxima a Frankfurt.
Unha vez que chegaron ao seu destino descobren que o lugar previsto para o seu aloxamento é unha "infravivenda" sen condicións mínimas de salubridade nin de habitabilidade ata o punto de que contaba cunha porta aberta que permitía o acceso de calquera a ese espazo. Os problemas continuaron ao comprobar que carecían das ferramentas precisas para realizar o traballo establecido, a creación dunha gabia para fibra óptica. A partir dese momento, varios destes homes decidiron abandonar antes de iniciar a obra ao comprobar, ademais, que os requisitos diarios que lles esixían eran inasumibles e teméronse que a empresa alegaría baixo rendemento para despedilos e non pagarlles. E así sucedeu no caso dun dos operarios que, tras catro días de traballo, só recibiu 180 euros.
Grazas a xestións coa CIG e co coordinador do BNG en Alemaña, primeiro tres traballadores e despois outros catro, conseguen regresar a Galicia. Os outros sete mantivéronse traballando á espera de que a situación cambiase xa que, segundo relataba Maceiras, están a sufrir situacións complicadas económicas. Pero a empresa xa lles comunicou que abandonen Alemaña e volvan a Galicia. Desde a CIG entenden que os medios alemáns e a propia empresa Nokia, para a que traballaba a contrata de Poio, romperon a relación con esta empresa e mesmo se puxeron en contacto coa central sindicalista para coñecer os detalles desta situación precaria.
Ante esta situación, o sindicato trasladou o caso á Inspección de Traballo e estuda a opción de presentar unha denuncia penal. Xaquín Agulla, secretario comarcal de FCM-CIG, reclamaba tamén a intervención da Fiscalía para depurar responsabilidades. Demandan o pago do diñeiro que lles corresponde desde o momento en que foron dados de alta na Seguridade Social, aínda que algún deles nin sequera chegou a ser dado de alta.