Habilitan hortas escolares en dez centros educativos de Pontevedra
Por Redacción
Seis colexios de Pontevedra teñen xa a súa propia horta escolar e catro máis terana nos próximos meses. É un proxecto que, a través do departamento municipal de Desenvolvemento Sostible, está a executar a empresa de inserción laboral Feito Pontevedra.
Estas hortas, que teñen un orzamento de 6.683 euros, xa están activas nos colexios Vilaverde, A Xunqueira I, Campañó, Marcón, San Martiño (Salcedo) e Crespo Rivas, onde acudiu o edil desta área, Iván Puentes, para comprobar a execución destes traballos.
Nas próximas semanas habilitaranse as hortas nos outros catro centros educativos que forman parte desta iniciativa, Santo André de Xeve, Cabanas, Ponte Sampaio e Campolongo.
Ademais das obras para instalar as hortas escolares, a empresa ofrece unha xornada inicial de información, explicación e plantación dun lote de 20 unidades de plantas (leitugas, fresas e aromáticas), dúas visitas bimensuais de seguimento e unha actividade final de curso.
Con respecto ás hortas urbanas, Pontevedra sumará unha nova en Ernesto Caballero. Este proxecto, que prevé a instalación de 17 bancais elevados de 14 metros cadrados e dotados de sistemas de rego, estará en marcha a principios de 2021. Investiranse máis de 28.000 euros.
A nova horta ecolóxica urbana sumarase ás xa existentes actualmente no miradoiro de Monte Porreiro e na Finca de Conde Bugallal, que teñen 16 e 37 concesionarios respectivamente.
O mantemento das zonas comúns destas hortas tamén é traballo da empresa de inserción Feito Pontevedra que, ademais, encárgase de asesorar aos usuarios durante todo o ano no que se refire ao tipo de cultivos que deben realizar e de que se fagan de xeito sostible.
Relacionadas:
-
Da horta á mesa para aprender a facer a súa propia pizza saudable
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Crean unha nova horta urbana nunha parcela municipal na rúa Ernesto Caballero
Por Redacción |
-
Instalan módulos para aumentar o espazo lectivo e mellorar a seguridade sanitaria no EEI Crespo Rivas
Por Redacción |
-
Unha horta ecolóxica e a instalación dunha rede de biomasa, proxectos estrela do Green Campus pontevedrés
Por Redacción |
-
Verdura estragada e caracois, na volta a actividade das hortas urbanas
Por Redacción |