O BNG pide traspasar a xestión do parque forestal ante o "incumprimento" do convenio por parte da Xunta
Por Redacción
O estado de abandono do parque forestal de Castiñeiras foi tema de debate na comisión celebrada este venres no Parlamento Galego. O deputado do BNG, Paulo Ríos, explicou que a Xunta está "incumprindo a súa xestión de mantemento, limpeza e reparacións do parque".
Tal e como lembrou o nacionalista, existe un convenio entre a Comunidade de Montes, propietaria do espazo, e a Xunta por trinta anos establecendo a responsabilidade da Xunta para o mantemento. Desta forma e ante o "incumprimento reiterado do convenio", reclama unha solución para que non sexa só a Comunidade de Montes a que continúe correndo cos gastos do parque. Ao seu entender, "a solución pasa polo traspaso da xestión do parque, de 20 hectáreas, a mans da Comunidade de Montes".
Así mesmo, tamén reclama unha valoración da Xunta sobre os traballos realizados e a realizar para mellorar o parque así como o cumprimento do convenio, xa que considera que actualmente o mobiliario está danado, hai puntos de lixo descontrolados, non se fan as podas e limpeza con periodicidade e non se acometen obras para mellorar o espazo. É por iso que, no caso de continuar a Xunta incumprindo o acordado "o convenio debe reverter os terreos aos propietarios de montes".
Por último, Ríos reitera que "a Xunta desatende as súas obrigas" e os traballos de mantemento están a ser asumidos pola Comunidade de Montes nun espazo que abarca os concellos de Marín e Vilaboa e require "unha atención que non está tendo". Por iso, engade que "se a Xunta continúa co seu desleixo debe dar por concluído o convenio e trasladar a xestión do parque forestal de Castiñeiras á Comunidade de Montes de Vilaboa".
Relacionadas:
-
O deterioro do parque natural de Cotorredondo chega ao Parlamento galego
Por Redacción |
-
O BNG de Vilaboa, disposto a "boicotear" as accións do Concello para promocionar a cultura militar coa Brilat
Por Redacción |
-
Oito municipios da área de Pontevedra reciben axudas para acondicionar parques forestais
Por Redacción |