A atención á hepatite C na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é "a mellor na súa clase"
Por María José Pita
O Servizo do Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) recibía esta semana o galardón nacional Best in Class 2020 pola atención asistencial á hepatite C. Trátase dun premio convocado pola Gaceta Médica en colaboración coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos para recoñecer aos centros sanitarios que buscan a excelencia na atención que prestan aos seus pacientes.
Debido á situación da pandemia da covid-19, o recoñecemento realizábase mediante unha cerimonia a través de internet. Unha vez que o premio chegaba ás instalacións hospitalarias pontevedresas, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, facía entrega do mesmo a Juan Turnes, o xefe de servizo do Aparello Dixestivo do CHUP.
O doutor Turnes destacaba que este é un premio a todo un equipo, que desenvolve a súa actividade tanto no ámbito hospitalario como no tratamento en domicilio, mediante seguimentos regulares, que se iniciaban en 2019 e que durante estes meses de pandemia facilitaron que a cobertura asistencial chegase a todos os enfermos de hepatite C.
O xefe de servizo de Aparello Dixestivo apuntaba ao "cambio radical que se produciu desde 2015", ano no que se logrou cun medicamento oral a cura da maioría dos pacientes nun máximo de tres meses. Na actualidade, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés o índice de curación chega a alcanzar o 98%, o que se traduce en 1.060 pacientes curados desde que existe tratamento.
Outro punto no que incidía Turnes é que a hepatite C foi durante moitos anos unha enfermidade con moitas incógnitas. De feito, os manuais de medicina referíanse a ela como a "hepatite non A, non B". Descubrir o virus que a produce foi un grande impulso para chegar á xeración do medicamento para curala. De feito, o Premio Nobel de Medicina de 2020 outorgouse aos tres científicos que identificaron o virus da hepatite C: Harvey J. Alter, Michael Houghton e Charles M. Rice, que a longo prazo acababa producindo no afectado unha cirrose ou un cancro de fígado, e a necesidade dun transplante.
No acto de recollida do premio Best in Class 2020 estivo presente Abelardo Sánchez, o presidente da asociación Airiños de Transplantados de Galicia e membro da Federación Nacional de Enfermos Transplantados e Hepáticos (FNETH), quen ofrecía o dato revelador de que, a día de hoxe, máis de 120.000 persoas en toda España curáronse co tratamento para a hepatite C. Sánchez lembraba os esforzos dos pacientes cinco anos atrás, cando empezaban a chegar noticias do novo medicamento acompañadas das trabas das farmacéuticas para baixar o seu prezo, que comezou en 80.000 euros en 2015 ata chegar aos 7.000 actuais. Dese tempo agradece o apoio do doutor Turnes no labor informativo sobre a enfermidade e o esforzo que está a facer o seu Servizo de Aparello Dixestivo para que os enfermos teñan un diagnóstico o máis temperán posible, antes de que aparezan enfermidades irreversibles no fígado.
Neste sentido, Juan Turnes apuntaba a unha liña de traballo na que aposta o seu equipo: a utilización da intelixencia artificial para o diagnóstico de pacientes en Atención Primaria, e só en caso de positivos, ser derivados ao especialista para recibir un tratamento tan sinxelo como "tomar unha pastilla ao día que non ten efectos secundarios de ningún tipo durante dous ou tres meses". Un grupo de posibles infectados co virus da hepatite C, que se transmite a través ao sangue, é o daquelas persoas que recibiron unha "transfusión de hemoderivados antes do ano 90 ou 91".
Relacionadas:
-
Os servizos de Dermatoloxía e Dixestivo da área sanitaria e o Ambulatorio Virxe Peregrina, os 'Best in Class' de España
Por Redacción |
-
O Servizo do Aparello Dixestivo do CHUP xa é referente nacional na atención á hepatite C
Por María José Pita |
-
O Servizo do Aparello Dixestivo do CHOP logra o seu segundo Best in Class pola súa atención á hepatite C
Por Redacción |
-
A atención á Hepatite C polo servizo dixestivo de Pontevedra acada o 'Best in class 2020'
Por Redacción |
-
Focus Galicia, o programa de intelixencia artificial para detectar hepatite C e VIH
Por Olaya Madrigal |
-
Un de cada catro pacientes da área sanitaria ten fígado graxo
Por Redacción |