O novo CEIP de Vilalonga abrirá para o curso 2021/2022
Por Redacción
O novo CEIP de Vilalonga (Sanxenxo) abrirá para o curso 2021/2022. Así o anunciou Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade durante a visita ao centro realizada este sábado xunto co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, onde puideron comprobar o avance das obras.
Tal e como explicou o conselleiro, actualmente está rematada a execución do edificio, e só resta a urbanización da parcela, que a farán en coordinación co Concello.
Este novo CEIP de Vilalonga alberga 18 aulas docentes (seis de infantil e 12 de primaria), catro aulas de apoio educativo, aula de usos múltiples, biblioteca, aulas de informática e música, ximnasio e comedor así como unha zona de administración que incluirá despacho do director, do xefe de estudos e de coordinación e orientación, secretaría e arquivos, sala de profesores, ANPAS, aseos, conserxería e os servizos comúns correspondentes.
Estará estruturado en tres plantas, pequeno semisoto, planta baixa e primeira. Na planta semisoto sitúanse as zonas de instalacións e o ximnasio, mentres que a planta baixa alberga os accesos ao centro, a sala de comedor-usos múltiples, sala de profesores, administración, aulas de infantil e desdobre, así como a biblioteca, aula de informática e un gran patio central. Na planta primeira están as aulas de primaria, a de música e a de orientación. Na zona sur na zona libre da parcela hai unha pista polideportiva. Tamén contará con accesos independentes para o tráfico rodado e para o peonil, así como cun terceiro acceso para persoas con mobilidade reducida e aparcadoiros.
O centro, que contará con 450 prazas, supón un investimento de máis de 4,5M€ para dar resposta ás necesidades de escolarización dunha zona na que o centro de referencia é o antigo CEIP Cruceiro. Neste sentido, Román Rodríguez recordou que o Goberno galego centra os seus esforzos nos lugares nos que existe unha maior demanda de prazas escolares, ao tempo que se está a acometer unha renovación progresiva das instalacións educativas de toda Galicia, no marco do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016/2021.
Relacionadas:
-
Vilalonga sumará 70 novas prazas públicas de aparcamento
Por Redacción |
-
Educación reformará o IES Torrente Ballester para mellorar a súa ventilación
Por Redacción |
-
Solicitan licenza para a construción do novo colexio de Vilalonga
Por Redacción |
-
Educación licitará nas próximas semanas a construción do novo colexio de Vilalonga
Por Redacción |