Poio solicita cartos ao Ministerio para ofrecer unha aula mentor para impartir formación telemática
Por Redacción
O Concello de Poio aspira a contar no futuro cunha Aula Mentor. Os departamentos de Promoción Económica e Educación traballan en conxunto para facer realidade este proxecto, para o cal se solicitou unha subvención ao Ministerio de Educación e Formación Profesional.
A Aula Mentor é unha ferramenta pensada para impulsar a formación, en diferentes ámbitos, entre persoas maiores de 18 anos, a través de iniciativas e sesións que se realizan de forma telemática e non presencial.
Tal e como explican os concelleiros responsables destes departamentos, o socialista Gregorio Agís e a nacionalista Raquel Rodríguez, "entendemos que pode resultar importante achegar á veciñanza unha fórmula que facilite a formación a distancia, a través de medios telemáticos, máxime nun contexto como no actual, no que a pandemia da COVID-19 obrigou nos últimos meses a buscar alternativas aos sistemas presenciais habituais".
As actividades e cursos virtuais e on line da Aula Mentor desenvolveríanse, en principio, desde o Centro de Formación da Reiboa, que conta cos equipamentos e espazos necesarios para acoller este tipo de iniciativas. Agís e Rodríguez sinalan que as formacións a desenvolver centraríanse fundamentalmente en tres tipos de público obxectivo: persoas ás que é preciso axudar a reducir a fenda dixital e que non dispoñen por si mesmas dos medios e recursos para realizar cursos telemáticos, mulleres do rural e colectivos vulnerables ou en risco de exclusión social.
Unha vez estea en marcha, desde a Aula Mentor se poderá ofrecer unha variada selección de cursos formativos de hasta 20 tipos diferentes. Así, por exemplo, para persoas pertencentes a colectivos vulnerables proxéctanse sesións para asesoramento de compraventa no pequeno comercio, técnicas de atención ao cliente ou xestión empresarial, así como cursos de agricultura ecolóxica, ‘coaching’ e emprendemento dixital.
Para mulleres rurais, entre a oferta hai obradoiros específicos de detección e prevención de violencia de xénero e programas de atención a persoas en situación de emerxencia.
Por último, tamén se pretende dar acceso a cursos sobre sistemas de xestión e contidos web, aplicación de ofimática ou creación de compoñentes visuais. Tamén haberá oferta de cursos pensados para persoas sen coñecementos previos de informática, como de iniciación a Internet ou de manexo de procesadores de texto como o Word.