A situación sanitaria de Poio volve ser escenario para a confrontación política
Por Oskar Viéitez
A Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio xa é unha realidade. Esta semana celebrouse a primeira sesión de traballo deste novo órgano municipal, no que estarán representados os catro grupos da Corporación e que quere marcar unha folla de ruta para lograr unha mellora do servizo sanitario nos centros de saúde da vila acorde á categoría e ás necesidades da veciñanza.
O titular do departamento de Sanidade, Xosé Luís Martínez, é o encargado de presidir a mesa, e advertiu de que a día de hoxe a ratio de médicos por habitante no municipio "está moi lonxe de ser o axeitado, o que provoca o colapso do servizo e problemas como a dilatación das listas de agarda para obter cita médica (que en moitos casos chegan a superar as dúas semanas) e a saturación dos profesionais".
Deste xeito, unha das primeiras reivindicacións que o Concello de Poio realizará a través desta entidade será esixir que se dote aos centros sanitarios locais de máis profesionais e que se cubran as ausencias por descansos ou baixas cando se produzan. Tamén resulta unha meta prioritaria para este órgano reclamar ao Sergas que reforce canto antes a Atención Primaria.
A seguinte convocatoria da Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio celebrarase o vindeiro mes de xaneiro.
PARLAMENTO
Precisamente a atención primaria en Poio foi un dos puntos de debate da comisión de Sanidade no Parlamento de Galicia esta semana.
Mentres os responsables do Servizo Galego de Saúde (Sergas) a consideran adecuada, o deputado do BNG Luis Bará criticou que o centro de saúde de Anafáns. atópase "ao bordo do colapso" e nunha "situación caótica e explosiva".
O Bloque criticou a intención do Sergas de unificar a atencion sanitaria en Poio nun so centro de saúde de futura construción, en contra dos intereses dos veciños de Combarro e Raxó.
O xerente do Sergas, José Flores, negou que houbese colapso e dixo que Poio ten 14.005 veciños empadroados e que están "atendidos con total seguridade e calidade".
A ratio de maiores de 18 anos por médico é de 1.352, un número "aceptable" e "adecuado" dentro dos valores medios de Galicia é insistiu en que un único centro de saúde é "moito máis eficiente" dada as características deste municipio.
Relacionadas:
-
A Valedora do Pobo comprométese co BNG a investigar a situación sanitaria de Poio
Por Redacción |
-
A Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios convoca unha reunión para o martes
Por Redacción |
-
Poio alerta do "risco de colapso" da sanidade ante a falta de médicos
Por Redacción |
-
Unha carpa anti covid-19 para evitar as aglomeracións durante a campaña antigripal no centro de saúde de Anafáns
Por Redacción |
-
O Concello de Poio asume a reparación de deficiencias en Anafáns pola inacción de Sanidade
Por Redacción |
-
O Concello reclama de novo medidas urxentes na dotación de recursos sanitarios para Poio
Por Redacción |