O Centro Sur de Campolongo albergará unha residencia para persoas con parálise cerebral
Por Alejandro Espiño
Ata trinta e dúas prazas para persoas con parálise cerebral terá a residencia que o Concello de Pontevedra habilitará no Centro Sur de Campolongo. Será un equipamento que xestionará a asociación Amencer-Aspace.
Neste proxecto, que segundo o goberno municipal é un dos máis ambiciosos deste mandato, investiranse 1,54 millóns de euros que serán financiados a través da estratexia EDUSI dos fondos europeos FEDER.
A portavoz do executivo local, Anabel Gulías, informou este luns do inicio do procedemento de contratación da reforma do Centro Sur, que terá un prazo de execución de oito meses. O Concello prevé que a residencia se poida inaugurar en 2022.
A edil recoñeceu que a tramitación deste proxecto será complexa, xa que require dun permiso sectorial da Xunta de Galicia tanto para a súa construción como para o seu posterior acondicionamento.
O Concello deberá tamén iniciar os trámites para aprobar a concesión para que Amencer-Aspace poida facerse cargo desta residencia que, nun principio, será por 30 anos.
A obra prevé acondicionar dúas das súas plantas, a primeira e a segunda, para esta residencia, que terá unha entrada independente do resto do edificio.
Ademais, rehabilitarase toda a estrutura do inmoble para deixalo preparado para que, nunha segunda fase, se aborde o acondicionamento da terceira planta, que estará destinada a un centro de día para as asociacións Amizade e Cogami.
O Centro Sur manterá os usos actuais na súa planta e no seu soto, que están cedidas a colectivos como o Fondo Galego de Cooperación, a Coral Polifónica, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) ou as asociacións veciñais Salcedo Sur e Campolongo.
Relacionadas:
-
A entrega da residencia para persoas con parálise cerebral do Centro Sur atrásase ata comezos de 2023
Por Oskar Viéitez |
-
O Igadi cumpre 30 anos traballando para comprender o mundo dende aquí
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Amencer Aspace estreará en oito meses unha residencia no Centro Sur con prazas para 32 usuarios
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Adxudicadas por 1,5 millóns as obras de reforma do Centro Sur de Campolongo
Por Redacción |
-
A reurbanización dos terreos da ONCE comezará no primeiro trimestre de 2021
Por Alejandro Espiño |
-
As obras de reforma urbana e rural suporán un terzo dos investimentos municipais en 2021
Por Alejandro Espiño |
-
BNG e PSOE pactan un orzamento "histórico" para que 2021 sexa o ano do "rebote"
Por Alejandro Espiño |