Pontevedra amplía en doce prazas a oferta pública de emprego municipal
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal decidiu ampliar a súa oferta pública de emprego. Será con doce novas prazas, segundo avanzou a súa portavoz, Anabel Gulías.
A intención do Concello é aprobar as bases e a convocatoria para as oposicións no primeiro semestre do próximo ano 2021.
Tres destas prazas, todas elas de acceso libre, serán para a Policía Local. Con estas novas contratacións, máis as sete pendentes de exame, o Concello terá "practicamente cubertas" todo o persoal deste corpo policial. "E moi boa nova", apuntou Gulías.
Cinco das novas prazas serán para postos administrativos, das cales dúas serán de acceso libre, dúas de promoción interna e unha estará reservada para persoas con discapacidade.
A oferta de emprego complétase con outras catro prazas de auxiliar administrativo, dous para persoas con discapacidade, unha de promoción interna e unha de acceso libre.
PRÓRROGA DE CONTRATOS
A Xunta de Goberno acordou ademais prorrogar o contrato de Ferrovial para o mantemento de parques e xardíns. En vigor desde o 1 de novembro ten un custo de 613.750 euros. Esta prórroga extinguirase se se licita o novo contrato.
O mesmo ocorre cos contratos que R e Telefónica teñen para as redes fixa e datos, por unha banda, e telefonía móbil, por outra. Ambos, que supoñen un gasto de algo máis de 25.000 euros para o Concello, foron prorrogados por tres meses.
Ademais, o goberno municipal iniciou o procedemento de contratación para a subministración de combustible para o parque móbil, para o que se reservarán 69.832 euros. Este contrato inclúe a posibilidade de tres prórrogas anuais.