O apalpador inicia a súa xira de Nadal polos concellos da provincia da man da Deputación
Por Redacción
Ao berro de "Traio castañas asadas para os nenos e nenas que comen san!" o Apalpador, o seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor iniciarán este mércores 23 na Illa de Arousa, Cambados e Barro a súa xira de Nadal pola provincia da man da Deputación de Pontevedra.
Esta tradicional figura do Nadal galego visitará ata o 31 de decembro 22 concellos da provincia realizando pasarrúas ao abeiro do programa "Nadal en galego" do departamento de Lingua que dirixe a nacionalista María Ortega.
A dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente, os hábitos de alimentación saudable e a igualdade, serán os valores que se pretenden fomentar coas actuación, levando a música, o baile e as anécdotas ás comarcas por sexto ano consecutivo, nesta ocasión nun formato diferente, o pasarrúas, por mor da covid-19.
As actuacións do Apalpador repartiranse entre o día 23 e o 31 de decembro –a excepción do día de Nadal- en diferentes horarios e localizacións, sempre ao aire libre e en movemento, para evitar aglomeracións de nenos e nenas. Na comarca de Pontevedra serán tres as visitas (Barro, Poio e Cerdedo-Cotobade), na comarca de Vigo outras catro (Soutomaior, Baiona, Gondomar, e O Porriño), na comarca do Salnés serán dúas (Illa de Arousa e Cambados), na comarca do Deza-Tabeirós dúas (Silleda e Rodeiro), tres na comarca do Condado Paradanta (As Neves, Covelo, e Ponteareas), catro na comarca do Morrazo (Bueu, Moaña, Cangas, e Vilaboa), e catro no Baixo Miño (Salceda, Tomiño, O Rosal, e Tui).
O programa ‘Nadal en Galego’ tamén deseñado para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galicia e para que os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, "O Apalpador" representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o bandullo das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas e desexos de felicidade e comida.
VÍDEOS PARA OS COLEXIOS, NA WEB E EN REDES SOCIAIS
Dado que o número de visitas pola provincia reduciuse este ano en número por mor da covid-19, ademais dos pasarrúas que realizará nos 22 concellos, o Apalpador tamén gravou 36 vídeos en localizacións naturais e contornas patrimoniais singulares e "marabillosas" da provincia para difundir entre os centros de ensino.
Estes vídeos organizados polo departamento de Lingua da Deputación foron entregados aos concellos para que, á súa vez, os trasladasen aos colexios de Infantil e Primaria para proxectar no día de hoxe, no que tradicionalmente a rapazada goza dun día de actividades lúdicas antes das festas. Os vídeos están tamén a disposición na páxina web da Deputación e serán difundidos a través das redes sociais provinciais.
Relacionadas:
-
O Apalpador cualifica o seu percorrido pola provincia nestas festas como "o mellor, máis vistoso e participativo" dos últimos cinco anos
Por Redacción |
-
Os Reis Magos chegarán a Vilaboa nun tren turístico
Por Redacción |
-
O Apalpador fai unha primeira visita a Pontevedra
Por Redacción |
-
"Papá Noel era un emigrante do Courel que ao marchar para Alemaña quedou durmido no tren e chegou a Laponia"
Por Oskar Viéitez |