Salcedo e Defensa, a 10.000 euros de entenderse?
Por Natalia Puga
O Ministerio de Defensa e a comunidade de montes de Salcedo están xa "moi próximos" a alcanzar un acordo sobre os terreos da base da Brilat que son titularidade comunal por sentenza xudicial. Este martes volveron reunirse en Vigo e, segundo o presidente dos comuneiros, Fernando Pintos, os técnicos do Ministerio están dispostos a aboar ata 120.000 euros anuais polo uso do monte. Sobre a base desta cifra, seguirán negociando, pero tan só os separan xa 10.000 euros para chegar a entenderse. Esta versión da reunión é máis optimista que a aportada por Defensa, que di sentirse decepcionada porque o acordo está un pouco máis lonxe dese cantidade
Pintos explicou que as negociacións avanzaron de forma "moi satisfactoria" e que se pode dicir que "temos case un acordo". Xa hai entendemento sobre a cantidade de terreo que necesitará Defensa e sobre a forma na que se pagará polo uso dese monte, pero o pequeno escollo que aínda teñen que salvar é o importe económico. Neste estremo, coinciden as versións de Fernando Pintos e da Secretaría de Estado de Defensa, pero no que discrepan é na cantidade que o ministerio tería ofertado polo uso do monte.
Defensa enviou á reunión a un xurista e un técnico en Infraestucturas e sinalaron aos comuneiros que necesitarán para a base da Brilat unhas 60 hectáreas do monte que o xuíz deu a Salcedo, 30 para a propia base e outro tanto para a zona de manobras. Na última reunión celebrada en Madrid o ministerio aínda non tiña claro se optaría por expropiar aos comuneiros ou pagarlle un canon anual. Agora xa está decidido que será un canon.
O quid da cuestión está agora no valor dese canon. Defensa ofrecía inicialmente 0,04 euros o metro cadrado, unha cifra moi afastada dos 0,50 euros que demandaban os veciños. Na última reunión a oferta ministerial situouse en 0,10 e a dos comuneiros de Salcedo quedou en 0,25. Este martes, aproximáronse posturas. Segundo Fernando Pintos, Defensa xa duplicou o importe, chegando a ofrecer 0,20 euros o metro cadrado. Defensa di, polo contrario, que so ofreceu 0,15 euros.
La última valoración que Salcedo atribúe a Defensa (e que o ministerio nega) sitúa o canon anual en 120.000 euros, pero aínda non hai acordo con Salcedo porque os comuneiros consideran que "nós xa axustamos todo o que tiñamos que axustar". Segundo explicou Fernando Pintos, na reunión chegaron a poñer sobre a mesa reducir o importe a 0,22 euros o metro cadrado, pero non baixarán máis e os técnicos de Defensa non tiñan autorización para subir máis de 0,20. En números redondos, Salcedo pide 132.000 euros ao ano, con disposición de reducir aínda un pouco máis e o Ministerio ofrécelles 120.000.
Según fontes oficiais da Secretaría de Estado de Defensa na reunión se lles ofreceu os comuneros un total de mil euros por hectárea, a mesma oferta realizada ás comunidades de Montes de Figueirido, Vilaboa e San Xulián que suman o 54 % dos terreos afectados pola base, "con ellos existe un principio de acuerdo por eso no entendemos que las peticiones Salcedo", comentaron. "En la reunión se dijo que se podría llegar a pagar un canon total de hasta 200.000 euros por las 137 hectáreas pero para ellos no era suficiente", engaden os voceiros de Defensa.
Fernado Pintos: "Tiñan intención de entenderse e de negociar, foron razoables, son xente pegada á realidade"
Chegados a este punto, o presidente dos comuneiros sinala que "hai 10.000 euros de diferenza, non son cantidades como para non chegar a un acordo". Ese entendemento chegará, segundo as previsións dos comuneiros, esta mesma semana, pois os técnicos de Defensa "dixéronnos que en dous ou tres días nos chaman e nos din algo" sobre a posibilidade de aceptar a demanda veciñal.
"O proceso está xa case rematado", valora Pintos e só ten boas palabras para a reunión celebrada este martes en Vigo. "Tiñan intención de entenderse e de negociar, foron razoables, son xente pegada á realidade e non coma os que negociaban en Madrid", engade.
Ademais, asegura que este acordo próximo será "beneficioso" para toda Pontevedra, pois "van ser ser ingresos que veñan, nós eses cartos non os imos levar para a casa, imos investir no monte". Os ingresos tamén chegarán da man da Brilat, pois "a base segue aquí e é xente que traballa" e "van facer obras e iso son cartos invertidos".