Sanxenxo prorroga medio ano a actual concesión da auga
Por Redacción
O pleno extraordinario do Concello de Sanxenxo aprobou este martes a continuidade da prestación do servizo da concesión administrativa do ciclo da auga por seis meses mentres o goberno ultima o estudo de viabilidade que dará lugar ao novo concurso no que se prevé un investimento en melloras de abastecemento e saneamento por case 13 millóns de euros.
A proposta contou cos votos favorables do PP, BNG e SAL. Cidadáns e o PSOE abstivéronse.
Outro dos asuntos aprobados, neste caso por unanimidade, na sesión deste martes foi o cambio de xestión das escolas infantís municipais do Concello ao Organismo Terra Sanxenxo e o cambio da concesión administrativa a contrato de servizos.
A concelleira de Educación Paz Lago lembrou que as escolas municipais é un dos servizos máis importantes do Concello cun investimento que na actualidade alcanza máis de 500.000 euros debido ao reforzo das medidas pola covid-19. "Na actualidade hai 93 familias beneficiándose deste servizo das cales 28 pagan 0 euros e 11 entre 100 e 150 euros. O Concello asume o 75% do gasto e iso é un esforzo de todos os veciños de Sanxenxo", apuntou Lago.
No pleno deuse luz verde a varias modificacións de crédito por valor de 1.530.960 euros para facer efectivo o pago da expropiación da finca das Cunchas e para abonar parte do financiamento da urbanización do Revel que se licitará proximamente.
A concelleira de Facenda, Paula Martínez, explicou que estas operacións non supoñen "incremento alguno de la deuda" e asegurou que "los tiempos manejados por los servicios de Intervención fueron ajustados a la aprobación del calendario de pagos aprobado por la jueza".
Os catro puntos económicos que se debateron conxuntamente contaron cos votos a favor do PP e as abstencións do PSOE, BNG e SAL.
Finalmente, acordouse a creación dun comité de expertos que dirima as controversias xurdidas na actual concesión administrativa do ciclo da auga e o modelo de sorteo no que se elixirán 3 membros, dos dous propostos pola empresa e outros dous polo Concello.
A proposta saíu adiante cos votos a favor do PP e o PSOE, e coa abstención do BNG e SAL.
Relacionadas:
-
Un total de 21 empresas visitan as instalacións municipais con motivo da licitación do novo contrato da auga
Por Redacción |
-
Sanxenxo sopesa subir o recibo da auga para facer viable a xestión do servizo
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo prevé investimentos de case 13 millóns no marco do nuevo contrato da auga
Por Redacción |
-
Sanxenxo abona o primeiro pago de 1,3 millóns de euros á Familia Rocafort
Por Oskar Viéitez |