O alumnado do colexio Xunqueira I xulga o talento artístico dos seus futuros profesores
Por Redacción
"Univisión 2020" é o título que a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Inés Lareo e a docente do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro deron ao concurso virtual no que preto de 40 alumnos do grao en Educación Primaria interpretaron unha serie de cancións en inglés, acompañadas das súas correspondentes coreografías.
Un xurado integrado por nenos de terceiro de primaria do colexio A Xunqueira I avaliou as actuacións que se viron este martes a través dunha plataforma virtual.
Este concurso virtual, explica Lareo, forma parte da avaliación continua da materia Lingua inglesa e a súa didáctica e busca achegar ao estudantado universitario "unha oportunidade de traballar directamente cos seus futuros alumnos e alumnas", permitíndolles "ver as súas reaccións e escoitar os seus comentarios", de tal xeito que poidan coñecer "se o que tiñan en mente deu ou non o resultado que agardaban".
O xurado seleccionou como gañador o vídeo das estudantes Oliva Fernández e Saray Pascual, despois de máis de dúas horas de concurso virtual que se completaron coa proxección dun vídeo, fóra de competición, no que Noemí Pérez e Pablo Gesteira incluíron a colaboración dos propios nenos.