Cincuenta e oito novos contaxios nunha xornada con máis de 1.000 PCR e 922 casos activos
Por Alejandro Espiño
Todas as áreas sanitarias de Galicia incrementaron os seus casos activos por covid-19 ás portas de Nadal. No caso de Pontevedra e O Salnés, hai 18 máis que onte, ata un total de 922. Isto é debido aos 58 novos contaxios detectados nunha xornada con máis de 1.000 probas PCR realizadas, segundo recolle o balance diario do Servizo Galego de Saúde.
Os hospitalizados, pola súa banda, mantéñense estables. Hai 49 pacientes ingresados nos tres centros de referencia para a covid-19 nesta área sanitaria, un máis que este xoves.
A maior parte deles, un total de 29, están ingresados en planta do Hospital Montecelo. Nove están no Hospital do Salnés e dous no hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.
Outras nove persoas, que son as que están máis graves, atópanse ingresadas na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo.
O resto dos que contraeron o virus, outras 874 persoas, atópanse illados nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Desde o inicio da pandemia 5.702 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 40 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 76 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 110.201, 1.017 nas últimas horas. A estas probas súmanse as 45.722 seroloxías realizadas ata a data.
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.754, 99 máis que o día anterior. Deles 899 son da área da Coruña, 382 da de Lugo, 551 da de Ourense, 922 da de Pontevedra, 1.279 da área de Vigo, 1.323 da de Santiago e 398 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 54 están en UCI, 265 en unidades de hospitalización e 5.435 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 53.662 persoas curadas, rexistrándose 1.359 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.082.674 probas PCR e 442.796 probas serolóxicas que, nas últimas 24 horas, permitiron detectar a 309 infectados.
Relacionadas:
-
Falece unha muller de 91 anos, a vítima número 77 da covid-19 na área sanitaria
Por Redacción |
-
Sanidade fará cribados en A Illa, O Grove e Bueu pola alta incidencia da covid-19
Por Redacción |
-
Só dous usuarios e catro traballadores da residencia Soremay seguen con covid-19
Por Redacción |
-
O alumnado de primaria de Pontevedra, "un gran exemplo para a xente maior" que merece a felicitación do alcalde
Por Redacción |
-
Os casos activos de covid-19 medran en Poio e Pontevedra ás portas do Nadal
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra chega a Noiteboa con 904 casos activos por covid-19 tras 60 novos contaxios
Por Alejandro Espiño |