Galicia investirá 2,4 millóns para garantir a liquidez das axencias de viaxes
Por Redacción
Nunha xuntanza que se celebrou en Sanxenxo, o goberno galego anunciou que investirá 2,4 millóns de euros en axudas para garantir a liquidez das axencias de viaxes, un dos sectores máis afectados pola pandemia da covid-19.
Estas liñas de axudas, que se enmarcarán dentro do plan de choque para o sector turístico, permitirán ademais crear paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia e avanzar na promoción do Xacobeo 2021.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou ao sector que a metade destas axudas, ata 1,2 millóns de euros, será para fomentar a cooperación entre operadores con apoio ás empresas do sector que se agrupen para crear novos paquetes e produtos turísticos.
O goberno galego tamén asinará convenios cos turoperadores e axencias con máis de dez empregados, ás que vai dirixida outra liña de axudas de 800.000 euros para financiar a estes negocios, reforzar a promoción de Galicia asociada ao Xacobeo 2021 e poñer en marcha novos produtos cos que reactivar a actividade.
As axudas complétanse cunha terceira liña de 400.000 euros para axudar ás axencias de viaxe a sufragar os gastos do pago anual do seguro obrigatorio de caución e responsabilidade civil.
Rueda destacou que con estas medidas o goberno galego continúa a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro e a axudar ao sector para reactivar o consumo.
Relacionadas:
-
A Xunta anuncia a convocatoria de axudas para o sector das axencias de viaxe
Por Redacción |
-
Galicia crea o 'seguro coronavirus' para garantía dos turistas e axuda na recuperación do sector
Por Redacción |
-
Os axentes de viaxes mobilízanse para reclamar solucións para o sector turístico
Por Manu Otero |