O curso escolar bota a andar en Pontevedra con case 5.500 nenos
Por Oskar Viéitez
O curso escolar bota a andar con case 5.500 nenos matriculados nos 21 colexios públicos do municipio. O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, elixiu este mércores os colexios Álvarez Limeses e Marcón, un no ámbito urbano e outro do rural, para inaugurar este curso do que destacando a total normalidade coa que dá comezo no que atinxe ás obras de mantemento que son responsabilidade do Concello.
No Álvarez Limeses o concelleiro tivo a oportunidade de coñecer a nova directora do centro. Nos últimos catro anos investíronse máis de 92.000 euros e neste mesmo ano, foron case 4.000 euros na mellora do axardinamento deste centro.
Na visita a Marcón aproveitaron para pedirlle novas melloras do parque infantil, aumentar a cuberta do patio, mellorar o areeiro, e adecentar as zonas onde estaban antes as fosas sépticas. Neste colexio de Marcón estase a repoñer o entorno do parque infantil e a valla exterior do centro. Os investimentos neste centro, no último cuatrienio, superan os 15.000 euros.
Noutros colexios coma o Froebel, a directora fixo unha "visita comentada" polas obras de remodelación do centro nas que está a traballar a Xunta.
Pola súa banda o edil destacou que os traballos necesarios foron realizados ao longo de todo o ano, polo que non houbo necesidade de apurar prazos no verán. Agás pequenas actuacións, totalmente compatibles coa actividade docente non quedan obras pendentes.
O concelleiro destacou a importante matrícula que segue a producirse en Pontevedra, cun total de 5.462 rapaces con praza, dos que 1.848 pertencen ao tramo de Educación Infantil e 3.611 á Primaria.
O concelleiro destaca que a matrícula mantense estable, polos que os mesmos problemas derivados de certa masificación nalgúns centros (entre os que destacan Campolongo, Vilaverde-Mourente e Álvarez Limeses) se reproducen neste curso. Agustín Fernández considera que esta circunstancia vese agravada pola falta de adaptación do mapa escolar da cidade, que obriga a longos desprazamentos para a escolarización de rapaces de diversos barrios da cidade, especialmente, na zona da Parda.