Defensa di que Salcedo "malinterpretó" as cifras e os comuneiros chámalles "sinvergüenzas"
Por Natalia Puga
A negociación entre os comuneiros de Salcedo e o Ministerio de Defensa en relación co canon a pagar polos montes que utiliza a Brilat deu un xiro de 180 graos en menos de 24 horas. O martes tiveron a súa cuarta reunión para valorar canto pagará o Ministerio por usar os terreos comunais que ocupa a base e o presidente dos comuneiros, Fernando Pintos, interpretou que chegara xa a "case un acordo". Este mércores o panorama é completamente diferente. Dende a Secretaría de Estado de Defensa negan ese suposto entendemento e sinalan que houbo un "error de interpretación" sobre o que aconteceu na reunión. Fernando Pintos respóndelle que son uns "sinvergüenzas".
Tras a reunión, Fernando Pintos asegurou que se producira un achegamento de posturas e estaban a 10.000 euros para chegar a un acordo económico polo canon anual a pagar por Defensa polo uso do monte de Salcedo. Segundo a súa interpretación, a oferta ministerial chegou ata os 0,20 euros por hectárea de terreo, o que supoñería pagar aos comuneros 120.000 euros anuais e os que acudiron a negociar por parte da comunidade de montes mostráronse dispostos a baixar o seu prezo ata os 0,22 euros. O acordo estaba case alcanzado.
"Tenemos una cifra máxima para negociar de 200.000 euros para todas las comunidades de montes"
Cando esta interpretación da reunión chegou a oídos da Secretaría de Estado de Defensa a reacción foi inesperada. Unha voceira oficial sinalou que houbo "un error de interpretación en la oferta que hizo Defensa" e que os negociadores chegaron á reunión cunha oferta de 0,10 euros por metro cadrado e durante o tempo en que estiveron a negociar "los comuneros decían que era insuficiente para ellos y se fue aumentando", pero nunca se pasou de ofrecer 0,15 euros.
Segundo Defensa, "tenemos una cifra máxima para negociar de 200.000 euros para todas las comunidades de montes". Isto implicaría ás comunidades de montes de Salcedo, pero tamén Figueirido, San Xulián e Vilaboa. A oferta de Defensa valora nestes 200.000 euros o total de 137 hectáreas que a Brilat necesita das catro comunidades de montes para seguir na súa base actual, das que unhas 60 son de Salcedo, de modo que a oferta a esta última comunidade de montes non sería nunca de 120.000 euros.
"Se o luns isto se confirma, nós tomaremos unha posición diferente, tomaremos as medidas de que non pisen o monte"
A voceira da Secretaría de Estado explica que cos comuneiros de Figueirido, San Xulián e Vilaboa xa case se chegara ao acordo por 0,10 euros o metro cadrado. Tras ofrecerlle a Salcedo 0,15 euros, agora subirán a oferta a todos porque "la premisa es que se va a pagar el mismo precio a todos".
Ao longo deste mércores responsables da Xerencia de Infraestrutura e Equipamento da Defensa volverán falar coas outras comunidades e antes de final de semana con Salcedo, pero a voceira oficial sinala que "Defensa ha hecho y está haciendo un gran esfuerzo" e reprocha que "no se corresponde con lo que hace Salcedo". Ademais, asegura que o que piden os comuneros "es algo que Defensa hoy en día no se puede permitir".
Moito máis belixerante móstrase Fernando Pintos: "son uns sinvergüenzas, alí non se falou nada desa cifra que eles din", responde ás novas cifras das que fala o ministerio. E considera que detrás desta guerra de cifras hai malas intencións, "alguén quere liala e quere conflito e enfrontamento".
Segundo o presidente dos comuneiros, esperarán ao luns a ver que resposta lles dan dende Defensa de forma oficial, pero mostra o seu desgusto polo que pasou porque "Defensa o que non pode facer é mandar aquí a dous técnicos a negociar cunha comunidade de montes, discutir cantidades e logo van a Madrid e din outra cousa". En caso de que o luns o ministerio se manteña nesta falta de entendemento, "significaría que é unha tomadura de pelo, que viñeron aquí a rirse dos cidadáns e dos veciños".
"Isto non é serio. ÿ para botarse a rir ou a chorar", interpreta Pintos. E lanza un aviso a navegantes: "se o luns isto se confirma, nós tomaremos unha posición diferente, tomaremos as medidas de que non pisen o monte porque todo é falso e son uns impresentables".