Todos os usuarios e traballadores de centros de maiores da área sanitaria estarán vacinados en tres semanas
Por Natalia Puga
O 100% dos maiores e traballadores dos centros residenciais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estarán vacinados fronte á covid-19 en tres semanas, "inmediatamente despois de Reis".
Así o anunciou este martes o xerente de área sanitaria, José Ramón Gómez Fernández, tras presenciar no fogar residencial Servisenior de Vilagarcía a primeira xornada de vacinación desta zona. Ao pé deste centro de maiores anunciou as previsións que manexan os responsables sanitarios, aínda que aclarou que o calendario se cumprirá"se a vacina chega sen problema, que é o que se espera".
En total, na área sanitaria serán preto de 1.900 persoas vacinadas, entre traballadores e residentes. A vacina é voluntaria, pero no primeiro día o 100% das persoas que podían poñerlla decidiron facelo e confían en que esa sexa a tónica dominante no resto de centros de maiores, pois é unha poboación especialmente vulnerable fronte ao coronavirus que ten moi interiorizada a importancia desta inmunización. "Non esperamos problemas en canto a un volume importante de rexeitamento", asegurou.
O xerente valorou esta primeira xornada de vacinación como "un día emocionante para os sanitarios porque despois de tantas semanas de incidencia de positivos é un día con esperanza". Engadiu que "en principio é o que estabamos esperando".
A partir da vacinación do persoal e os usuarios das residencias poñerase en marcha un calendario de vacinación que seguirá polo persoal sanitario de toda Galicia. En toda Galicia serán nestas dúas primeiras fases máis de 75.000 persoas, uns 37.000 nos centros de maiores e 38.000 traballadores do Servizo Galego de Saúde.
O calendario exacto non se poderá ir adiantando porque esta semana recibiron dose para os tres primeiros días e a partir de agora recibiranse vacúas cada semana. Os criterios que se seguen para a repartición das doses é a cantidade de poboación de risco, isto é, o número de persoas en residencias e o persoal dos centros.
"ESTABAN EMOCIONADO Á PAR QUE NERVIOSOS"
Sobre a primeira xornada de vacinación, Miguel Carreiro, enfermeiro do centro de saúde e coordinador da vacina en Vilagarcía, explicou que o luns se puxeron en contacto cos residentes e estaban "emocionados á par nerviosos porque a expectación era alta". Xa viran o inicio da vacinación noutros lugares "e eles tamén querían formar parte dese fito".
Ademais, explicou que "había nervios e expectación tamén por parte dos profesionais", que foron a primeiros da área sanitaria.
Carreiro explicou que en canto a vacina chegou ao centro primeiro foi necesario "recostituila" e facer control da temperatura. Neste proceso a loxística é importante, as doses chegan en fase de desconxelación e necesitan manter a cadea de frío, de modo que realizan un " rexistro constante, minuto a minuto" da temperatura. Para poder poñela, mantéñena entre 2 e 8 graos.
Despois de poñelan, teñen ao paciente en observación entre 15 e 30 minutos, para controlar se ten algún tipo de reacción. Nas primeiras fornecidas tan só detectaron "unha pequena inflamación" a nivel local.
Por prevención, realizan unha análise ao paciente antes de poñela "para saber se tivo reacción alérxica grave á anafilaxe", pois se é así, non lla poden subministrar.
Relacionadas:
-
Galicia manterá "de momento" o calendario de vacinación e descartan problemas para poñer a segunda dose
Por Natalia Puga |
-
O persoal sanitario de Pontevedra comeza este mércores a vacinarse
Por Alejandro Espiño |
-
Investigan unha estafa a unha residencia de maiores relacionada coa vacina da covid-19
Por Natalia Puga |
-
A Xunta agarda rematar a vacinación da primeira dose a mediados deste mes de xaneiro
Por Oskar Viéitez |
-
María Ana, a primeira pontevedresa en vacinarse contra a covid-19: "No lo sentí para nada"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
María Ana, a primeira pontevedresa en vacinarse contra a covid-19: "No lo sentí para nada"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada