Propoñen darlle o premio Cidade de Pontevedra ao persoal sanitario e sociosanitario
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O persoal sanitario e sociosanitario de Pontevedra traballou de xeito extraordinario e incansable fronte a covid-19. E sígueo facendo. Por iso desde a Federación de Asociacións de Veciños Castelao e o Rotary Club de Pontevedra veñen de propoñelos para o premio Cidade de Pontevedra 2020.
Castelao presentou a candidatura hai xa varios días, o pasado 22 de decembro, pero non o fixo público ata este mércores 30. Presentouno vía telemática pola situación excepcional da pandemia e na memoria xustificativa especifica que queren que se lle conceda ao persoal que "estivo na loita e en contacto directo coa covid-19".
Desde Castelao argumentan que foi a espontaneidade de toda a veciñanza pontevedresa a que fai merecedores deste premio a este colectivo ou grupo de traballadoras e traballadores sanitarios que tanto loitaron e, inda o continúan a facer, contra a covid-19, segundo explica o seu presidente, Juan Loureiro.
No caso do Rotary Club, presentaron a candidatura esta semana por rexistro e recordan que "non tiveron ningún medo" en arriscar a súa saúde e as súas vidas para "actuar de acordo co que un día se comprometeron" cando un entón descoñecido coronavirus "arrasou a nosa sociedade e o noso xeito de vivir".
O Rotary destaca que moitos colectivos foron importantes e son importantes ao longo do último ano, entre eles os hostaleiros, os panadeiros, as forzas de seguridade ou os traballadores da alimentación e das farmacias, pero por riba deles está o persoal sanitario.
Entenden que este premio sería o mellor xeito de que Pontevedra mostrara o seu "recoñecemento e gratitude" a toda esta xente.
O galardón sería, de selo caso, un "auténtico mural de lembranza" de como o ano 2020 "os nosos veciños sanitarios arriscaron a súa integridade para frear de xeito eficaz a peor pandemia dos últimos cen anos".