Marín fai balance da actividade da Biblioteca Pública e entrega os premios de decoración de Nadal
Por Redacción
A situación sanitaria marcou a actividade da Biblioteca Pública Vidal Pazos de Marín. No balance do ano, o Concello de Marín, como xestor desta institución cultural, destaca que durante 2020 foron dados de alta un total de 142 novos socios, 37 mulleres e 105 homes.
No que respecta ao número de préstamos, os usuarios adultos realizaron un total de 3.010 préstamos e os infantís 982, o que supón unha cifra total ahegada aos 4.000 títulos prestados.
Durante este ano incorporou aos seus fondos 276 libros, dos que 189 son en lingua galega. A isto hai que sumar o proceso de automatización e modernización do catálogo informático da biblioteca, que chegou a dixitalizar durante este ano un total de 40.218 títulos.
Tal e como indican desde a Biblioteca, debido á pandemia e ao período de confinamento, o que baixou considerablemente respecto a balances doutros anos foron as actividades realizadas, que se reduciron a 2 contacontos e a 9 exposicións, así como o número total de visitantes, que quedou en 20.150 persoas.
Dende a institución municipal lembran que precisamente a pandemia levou aos xestores culturais a poñer en marcha iniciativas con moito seguimento como o programa #QueLeMarín?, que supuxo a publicación en redes sociais de 6 recomendacións literarias realizadas polo persoal da Biblioteca, que podían ser prestadas de xeito telemático en formato ebook, e que permitiron que a veciñanza tivese multitude de opcións á hora de elixir con que libro ou historia querían ocupar as horas libres.
Finalmente, tamén foi este o ano da renovación estética da sala infantil, que conta agora cuns vinilos decorativos nas súas paredes que teñen como protagonista a Gago de Mendoza en idade moza desfrutando das aventuras inspiradas nos clásicos da literatura infantil.
ENTREGA DE PREMIOS
A actividade no Concello de Marín neste final de ano completouse coa entrega aos establecementos comerciais e de hostalería dos premios aos gañadores do I Concurso de Decoración de Nadal do Concello de Marín, de man da alcaldesa, María Ramallo, e das concelleiras Cristina Acuña e Itziar Álvarez, acompañadas tamén das dúas veciñas de Marín que conformaron o tribunal.
Na categoría de comercio ou negocio acadaba o primeiro premio o establecemento Carmencitas Moda Infantil, consistente nun cheque de 300 euros. O segundo premio de 200 euros recaeu en María José Estilistas.
No caso dos locais de hostalería, o vencedor foi Los 3 Monos, cun premio de 300 euros. O segundo posto foi para Os Cregos, que levou un cheque de 200 euros.
A alcaldesa quixo agradecer a todos os participantes a súa iniciativa e dedicación e, en especial aos gañadores, o seu "esforzo por facer dos seus escaparates, balcóns e edificios espazos cheos da maxia do Nadal que tanta falta nos fai este ano e que precisamos para seguir avanzando de cara ao 2021", en referencia tamén aos particulares e comunidades de veciños que tamén foron premiados pola decoración das súas vivendas.