52 pacientes covid recibirán o 2021 ingresados nos hospitais da área sanitaria
Por Anxo Lourido
Os hospitais de Pontevedra e O Salnés pasarán este fin de ano con 52 pacientes afectados por coronavirus nas súas instalacións, dúas menos que nas últimas 24 horas. Segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade 42 pacientes atópanse ingresados en planta de hospitalización: 33 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 9 no Hospital do Salnés. A esta cifra hai que sumar outros 10 pacientes con covid-19, que se atopan ingresados na Unidade de Coidados Críticos no Hospital Montecelo.
En total, a área sanitaria conta con 816 casos activos neste último día de 2020, cinco casos menos que este mércores. 764 dos pacientes atópanse evolucionando da enfermidade nas súas vivendas.
Ao longo deste ano, desde o momento en que se comezaron a notificar as mortes por coronavirus, rexistráronse 78 vítimas mortais na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A última producíase este mércores no Hospital Montecelo. Trátase dun home de 75 anos que, segundo os informes da Consellería de Sanidade, presentaba patoloxías previas.
Durante as últimas 24 horas realizáronse 1.073 probas PCR, co resultado de 25 novos casos positivos confirmados.
Neste 2020 realizáronse 115.508 probas para detectar a enfermidade nesta zona sanitaria e curáronse 6.050 pacientes de coronavirus.
GALICIA
Segundo os datos que achega a Consellería de Sanidade, 5.680 persoas mantéñense este xoves con infección activa na comunidade autónoma. Desta cifra, 296 pacientes atópanse ingresados en planta de hospitais de Galicia e 55 permanecen nas Unidades de Coidados Críticos.
Faleceron 1.393 persoas desde que se teñen datos da evolución da pandemia, sete máis na última xornada. Nas últimas 24 horas detectáronse 431 novos casos a través das probas PCR. Ao longo de 2020, un total de 62.978 persoas contaxiáronse de covid-19 en Galicia.
Con estas cifras, durante o último día incrementouse o número de persoas infectadas, o número de novos casos activos (+28) e a presión asistencial.
Relacionadas:
-
A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés suma o seu cuarto día consecutivo con vítimas mortais por covid
Por Redacción |
-
Unha muller de 78 anos ingresada en Montecelo e un home de 80, primeiros falecidos de 2021 por Covid na área sanitaria
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés suma dúas novas mortes por covid e conclúe o ano con 80 vítimas da pandemia
Por Redacción |
-
Un home de 75 anos ingresado en Montecelo, a vítima 78 da covid-19 na área sanitaria
Por Natalia Puga |
-
Os contaxios diarios ascenden a 53 nunha xornada con once pacientes de novo na UCI
Por Alejandro Espiño |
-
Evolución desigual da covid-19 por concellos: Sanxenxo chega a unha incidencia acumulada de 340 e Marín baixa a 102
Por Natalia Puga |