Dispáranse os prezos do peixe e o marisco
Por Oskar Viéitez
Haberá menos xente arredor da mesa pero os peixes e mariscos non han faltar nos fogares pontevedreses para recibir un novo ano.
Nos mercados nesta xornada de Noitevella os prezos dos produtos de primeira están polas nubes.
Entre o marisco, o percebe segue a mandar nos prezos, ata os 190 euros chegou o máis caro e había pouco.
O camarón de maior tamaño cotizaba a 160 euros e pola ameixa ata 60 euros se pagou por quilo.
O langostino máis grande pagábase a 90 euros o quilo e a vieira galega, a uns 4 a peza. A centola chegou aos 50 e os bruños por 30 euros.
Xunto á gran demanda que teñen estes mariscos nestas datas, tamén inflúen nesta subida de prezos as malas condicións meteorolóxicas no mar que deixou en terra a boa parte da flota.
Outros dos clásicos das mesas nestas datas como é o ollomol estaba a 40 euros, linguado (33), pescada (12) ou rape (18), e a castañeta vermella (34).
E nas carnes, o cordeiro leital estaba a 15 euros o quilo, o cabrito a 17, o pito caseiro e o pavo vendíanse a 8,90, e a tenreira e as carrilleras a 11 euros.
Xa por último o quilo de uvas ía a 2,50 e 3,70, dependendo do tamaño. E as que non teñen pebida a 4,50 euros.