Pontevedra proxecta os seus desexos para o novo ano: "2021, pórtate ben"
Por Redacción & Mónica Patxot
Co río ao carón e unha bonita estampa da cidade ao fondo.
Así decidiu o Concello de Pontevedra expresar os seus desexos para o 2021 que comeza.
A fachada do Pazo da Cultura foi o escenario escollido este xoves para, proxector en man, lanzar as mensaxes escollidas para o novo ano a poucas horas das badaladas, cando a noite se fixo presente a beiras do Lérez.
Foi unha mensaxe clara e directa, que seguro todos comparten: "2021, pórtate ben".
A felicitación de aninovo do Concello era unha das sorpresas da programación de Nadal, que rematará a vindeira semana coa chegada dos Reis Magos de Oriente a Pontevedra.