Marín, Poio e Sanxenxo empezan 2021 cun aumento de casos activos de covid-19
Por Natalia Puga
A covid-19 non se detén. Neste primeiro día do ano 2021, varios concellos da área sanitaria rexistraron un incremento dos pacientes coa infección activa. Os datos globais da área sanitaria deixan un pequeno descenso, con 27 casos activos menos (en total, hai 789), pero hai moitos municipios como Poio, Sanxenxo ou Marín nos que non paran de medrar.
Na outra cara da moeda está Pontevedra, onde, segundo os datos facilitados pola xerencia da área sanitaria ao Concello, hai este 1 de xaneiro cinco casos activos menos. En total, hai 151 positivos e outros 1.681 contactos están en seguimento illados no seu domicilio.
Dos concellos con incremento de casos, o que máis chama a atención é Marín. Segundo os datos comunicados pola Consellería de Sanidade ao Concello, hai 45 casos activos, nove máis respecto ao xoves.
Poio, municipio con peche perimetral conxunto con Marín e Pontevedra, tamén ten máis casos. En concreto, 3 máis, ata chegar a 48. Outras 333 persoas están en seguimento por ser contactos estreitos de casos positivos.
En Sanxenxo, tamén hai este venres tres casos activos máis que o xoves, sumando un total de 43. Ademais, hai 335 contactos en seguimento.
No Concello de Bueu, pola contra, produciuse un descenso de casos. Este venres 1 hai 75 positivos, catro menos que o xoves.
Tamén en Vilagarcía baixaron os casos. Hai un total de 98, oito menos que o día anterior. Outras 567 persoas están en seguimento por ser contactos estreitos de positivos.
En Vilanova de Arousa tamén baixaron os pacientes positivos e son nestes momentos catro, un menos que o xoves.
Relacionadas:
-
Datos Covid por municipios ao 3 de xaneiro: Pontevedra suma 6 casos activos máis e Vilanova pasa ao nivel laranxa de alerta
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra, Bueu e Vilagarcía encabezan a baixada de infeccións activas na comarca nunha xornada con poucas PCR
Por Diego Espiño |
-
Unha muller de 78 anos ingresada en Montecelo e un home de 80, primeiros falecidos de 2021 por Covid na área sanitaria
Por Diego Espiño | Creada e actualizada