Cerdedo-Cotobade pecha as súas contas cun superávit de 349.763 euros
Por Redacción
O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade aprobou recentemente a súa Conta Xeral do exercicio correspondente ao ano 2019.
Fíxoo, segundo o explica o alcalde Jorge Cubela, cun superávit de 349.763 euros, ao que se suma un remanente de tesourería de 1.017.820,29 euros e unha débeda "cero" evidenciando unha solvencia e estabilidade da que presume o goberno local.
Ademais o peche das contas reflicte unha execución orzamentaria de 10.009.199 euros, o que supón cifra récord a nivel municipal.
"Poder xestionar uns 6 millóns de euros por riba dos inicialmente orzados dan boa conta dos investimentos conseguidos durante o pasado ano para poder dotar e mellorar os servizos públicos e as infraestruturas para os veciños e veciñas deste municipio sen ter que recorrer a ningún tipo de crédito, o que acredita a solvencia económica e equilibrio orzamentario da nosa xestión", sinalou Cubela.
Por outra banda, o alcalde destacou que se cumpriu cos deberes cos provedores e co compromiso de manter a liquidez suficiente para non ter tensións de tesourería "procurando traballar con empresas locais, dándolle a oportunidade a todos desde a transparencia e a igualdade de oportunidades de poder traballar para o seu Concello".