A Deputación edita una guía sobre xestión de 'lixo electrónico'
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acompañará aos 61 concellos da provincia cunha guía sobre xestión integral dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). O documento está colgado no portal web do proxecto europeo ESTRAEE e conta cunha completa proposta que permitirá adaptar as normativas municipais sobre residuos para o tratamento dun tipo específico de lixo extremadamente contaminante e cada vez máis presente.
O modelo de ordenanza explica a importancia de tratar adecuadamente este tipo de residuos, que en España medran ao ritmo dun 12% ao ano e cuxa xestión está regulada por unha directiva europea dende 2012 e un real decreto en España dende 2015.
Cun orzamento total de 2.145.000 euros, para impulsar o cumprimento deste marco legal na nosa provincia, reconverteron nove puntos limpos que dan servizo a 11 concellos (Vilagarcía de Arousa, Meaño, A Lama, Silleda, Ponteareas, A Guarda, Gondomar, Nigrán e o da Mancomunidade do Morrazo, que atende a Cangas, Bueu e Moaña).
A ordenanza, que está dispoñible no enderezo www.estraee.depo.gal/areas, aclara que deben considerarse como RAEE tódolos aparellos de aire acondicionado, monitores, lámpadas, tubos fluorescentes, grandes aparellos informáticos de informática, telecomunicacións, luminarias, reprodución de son ou imaxe, equipos de música, ferramentas eléctricas, xoguetes, equipos de lecer, produtos sanitarios, equipos de vixilancia e control, máquinas expendedoras, equipos de xeración eléctrica, pequenos equipos de informática, paneis fotovoltaicos de máis de 50 centímetros e, por suposto, pilas e teléfonos móbiles.
O texto incide especialmente na prevención para reducir a cantidade de lixo eléctrico e electrónico e fixa os criterios de adaptación dos puntos limpos municipais. Deberán contar con báscula, catro gaiolas acumulables, catro contedores, dez palés, estantes metálicos, sistema de control de acceso, impresora de etiquetas, equipo informático, soleira en formigón e instalación eléctrica. Tamén deberán separar os fluxos segundo o tipo de RAEE.
Con todo, o modelo de ordenanza tamén deixa claro que as empresas distribuidoras de RAEE deberán aceptar obrigadamente a entrega do material equivalente ao adquirido cada vez que se produza unha venda. O equipo vello mesmo poderá entregarse noutro momento, dando un prazo á persoa compradora que non poderá ser inferior a 30 días naturais. Este tipo de establecementos, cando teñan máis de 400 metros de superficie expositiva, deberán ter prevista a recollida nos seus puntos de venda dos RAEE máis pequenos de maneira gratuita, sen obriga de comprar outro produto.
Finalmente, a ordenanza insta ás entidades locais a fomentar a prevención para promover un uso responsable, favorecer a compra de produtos de segunda man, mellorar a recollida separada, fortalecer a inspección e control e proporcionar a máxima información ás persoas usuarias.
Relacionadas:
-
Carmela Silva destaca a importancia do “mundo local” na loita contra o cambio climático
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Bueu instala na Casa do Concello un punto para depositar aparellos electrónicos
Por Redacción |
-
O punto limpo de Meaño xa está adaptado para xestionar residuos electrónicos
Por Redacción |
-
A Deputación entrega maquinaria para o proxecto de reciclaxe do "lixo electrónico"
Por Redacción |
-
A Deputación leva aos concellos adheridos ao ESTRAEE 'miniecopuntos informativos' onde reciclar móbiles e tablets
Por Redacción |