As emendas do BNG aos orzamentos da Xunta para Pontevedra céntranse no medio ambiente, as infraestruturas e a cultura
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O deputado do BNG, Luís Bará presentou este luns as emendas parciais referidas ao Concello de Pontevedra que a formación nacionalista presentará aos orzamentos xerais da Xunta para 2021 e que se enmarcan en tres grandes áreas: medio ambiente, infraestruturas e cultura.
En canto ao medio ambiente, o BNG presenta unha emenda cuantificada nun millón de euros para iniciar os traballos de retirada das instalacións que ten a Xunta de Galicia na Xunqueira de Alba, na zona da Gándara declarada Espazo Natural de Interese Local ( ENIL).
O Goberno Local ten proxectado un gran parque periurbano nestes 171.000 metros cadrados, dos cales unha boa parte está ocupada por instalacións de administracións públicas (Costas do Estado, Dirección Xeral de Tráfico, Consellería de Medio Ambiente, Deputación de Pontevedra, etc).
En materia de infraestruturas, Luís Bará informou que o Bloque propoñerá nas súas emendas tres actuacións de mellora en viais autonómicos, sendo a principal a reforma integral da estrada vella de Marín, a PO-546 desde Mollavao ata os Praceres.
Ademais o BNG demandará a urbanización da avenida de Avelino Montero Ríos no núcleo urbano de Estribela e unha actuación no denominado núcleo de centralidade parroquial de Lérez, nun ámbito de varios quilómetros ao longo da estrada a Campo Lameiro PO-233 onde están situados o centro de saúde, o teleclub ou os accesos ao colexio público e ao cemiterio.
E tamén presentarán unha emenda aos orzamentos autonómicos pedindo á Xunta unha actuación na PO-542, vial que comunica O Pino – Bora, pedindo unha mellora da seguridade viaria na contorna da casa parroquial de Marcón.
O terceiro ámbito no que o Bloque Nacionalista Galego presenta emendas é a cultura. Concretamente pídese a "colaboración directa tanto do Estado como dá Xunta de Galiza" en dúas actuacións: o novo edificio de arqueoloxía do Museo de Pontevedra previsto nuns terreos cedidos polo concello en Valdecorvos e tamén na rehabilitación integral dos edificios Casto Sampedro e García Flórez coa conexión subterránea dos dous inmobles. Para esta actuación propón o BNG unha achega de 8 millóns de euros.
Á marxe destas emendas referidas a Pontevedra Luís Bará engadiu que o BNG presenta outras propostas "prioritarias" que están enfocadas a abordar os efectos socioeconómicos da pandemia, fortalecendo os servizos públicos para atender as necesidades de infraestrutura. Así como un plan de continxencia, dotado con 46 millóns, para garantir a atención presencial e equidade na asistencia sanitaria, e outros 20 millóns para aumentar o persoal de Atención Primaria. E propón 4 millóns para a asunción por parte do Sergas do mantemento dos centros de saúde, entre outras.
Relacionadas:
-
O BNG de Marín chama a mobilizarse por unha atención sanitaria presencial e máis medios no centro de saúde da vila
Por Redacción |
-
Un novo centro de saúde ou o vial do Vao, entre as emendas do BNG aos orzamentos da Xunta
Por Redacción |
-
O PP buscará un enfrontamento entre BNG e PSOE no Pleno da Deputación por mor dos orzamentos do Estado
Por Oskar Viéitez |