Estudan a construción de 64 vivendas unifamiliares en Mollavao
Por Redacción
A última comisión de Urbanismo recibía a notificación para o estudo da reforma dun dos polígonos situados nos terreos de Mollavao, segundo informaba este luns a portavoz municipal Anabel Gulías.
Trátase dun proxecto que se contemplaría no espazo situado nos terreos que ocupaba o antigo depósito do guindastre municipal, entre a avenida de Rosalía de Castro e Campolongo, á altura de Fonte Santa.
O proxecto previsto crearíase no polígono denominado B3-2 e está promovido pola nova xunta de compensación integrada polos propietarios destes terreos encabezada pola entidade inmobiliaria Aliseda SAU, que se encargou de retomar a tramitación da xestión urbanística coa intención de crear 64 vivendas unifamiliares nesa zona.
O plan parcial xa contemplaba anteriormente en todo o polígono a creación de 125 vivendas unifamiliares adosadas, unha opción que se paralizou coa disolución da anterior xunta de compensación ao crebarse a promotora.
O polígono no que agora se estuda a creación destas vivendas conta con 28.600 metros cadrados (o 53% do total da parcela). Destínanse máis de 13.000 metros cadrados a solo residencial con 11.470 metros de edificabilidade.
A promotora deberá contar coa creación de 102 prazas de estacionamento libre, deixar 2.873 metros cadrados para espazos libres e verdes; 11.516 serán de carácter viario e 1.149 para equipamentos.
Anabel Gulías considera que se trata dunha boa noticia esta reactivación por esta zona por parte de promotores privados dentro do barrio de Mollavao, no que a portavoz municipal afirmou que está posto o foco de atención neste mandato.
"Foi tradicionalmente unha zona moi degradada con decisións medio ambientais discutibles", asegurou Gulías para explicar que co convenio asinado entre o Concello e a Deputación para a zona e o proxecto, que en breve presentará o concelleiro de Urbanismo, de reforma e mellora integral de Rosalía de Castro para conectar o barrio de Mollavao con Campolongo vai mellorarse a calidade de vida da poboación desta zona, apuntaba a concelleira.
A representante municipal confirmaba que, a raíz da pandemia, detectouse polos servizos técnicos do Concello un incremento de preguntas nas oficinas municipais sobre a creación de vivendas unifamiliares.
Relacionadas:
-
As subvencións do Plan de Vivenda da Xunta melloran 77 inmobles en Pontevedra
Por Redacción |
-
Así será a nova Rosalía de Castro, a 'peza clave' da reforma urbana de Mollavao
Por Alejandro Espiño |
-
A ponte da AP-9 sobre Mollavao cae a cachos
Por Redacción |
-
O novo vial de Mollavao licitarase "canto antes" e prevese construír en 2021
Por Alejandro Espiño |
-
A piques de rematar o periodo de consultas a administracións para a nova estrada de Mollavao
Por Redacción |