A maxia dos tres Reis lévaos por todos os recunchos das Rías Baixas
Por Redacción
As Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente, ataviados con máscaras, fixeron este martes un percorrido por todos os recunchos das Rías Baixas.
En Bueu as Súas Maxestades recibiron aos pequenos no Estaleiro da Banda do Río. A diferencia doutras ocasións este ano non se puido celebrar nin a chegada en embarcacións tradicionais nin a posterior cabalgata, dado que Bueu se atopa en estado de alerta máxima por Covid-19.
A Lama foi a primeira parada de Melchor, Gaspar e Baltasar na comarca do Verdugo-Oitavén. Na Alameda mantiveron un encontro coa cativada do municipio. Os Reis Magos se dirixiron aos presentes para dicirlles que pese ás dificultades da pandemia e o frío existente que incluso conxelou ás estradas, estarían esta noite repartindo agasallos como de costume a tódolos que se portaran ben durante o ano.
En Cerdedo-Cotobade houbo unha Cabalgata de Reis itinerante por todas e cada unha das parroquias que conforman o extenso concello. O cortexo real visitou a Casa do Pobo de Santa María de Sacos, ás 10:35 horas para dirixirse posteriormente e pola mañá a San Xurxo de Sacos, Viascón, Tenorio, Vilanova, Almofrei, Borela, Rebordelo, Carballedo, Corredoira, Caroi, Loureiro e Valongo. Pola tarde, a comitiva real, retomou a súa ruta ás 15:30 horas para visitar o Local Social de Parada. Posteriormente seguiu cara Folgoso, Pedre, Quireza, Castro, Tomonde, Figueroa e Cerdedo, onde rematou na Praza do Concello.
En Poio Melchor, Gaspar e Baltasar fixeron un dobre percorrido polas parroquias do municipio. A primeira foi ás 12.00 horas desde o Pazo Besada polas zonas do rural da vila. Pola tarde, os Reis Magos partiron ás 16.30 horas cara a Casa Rosada e, desde alí, pasaron por Ferreirós, Andurique, Porteliña, Avenida de San Xoán, Beiramar, A Granxa, Padre Avelino, Lourido, Pedro Soto Couselo, A Seara, A Chousa, Alfredo Romay e o Porto de Raxó.
En Marín, os Magos de Oriente ocuparon os seus tronos en tres puntos distintos do municipio para escoitar as peticións de agasallos. Despois, as súas maxestades foron recollidos por varios vehículos e realizaron un percorrido polas principais rúas saudando.