Arde por completo unha casa en Cerdedo-Cotobade sen que se rexistrasen feridos
Por Redacción
Finaliza sen feridos un incendio que arrasou por completo unha vivenda en Cerdedo-Cotobade.
As dificultades para acceder ao inmoble, situado preto da área recreativa de Lodeiro, obrigaron aos equipos de extinción a cambiar a forma de atallar o lume e botar man de recursos máis pequenos que lles permitisen moverse polo camiño de terra de acceso á vivenda.
Foi o propio dono quen, ás seis desta madrugada, chamou ao 112 Galicia para informar dun lume que comezou nunha cheminea e acabou por devorar toda a casa. El mesmo conduciu aos Bombeiros do Salnés e aos efectivos do GES da Estrada ata o lugar no que se atopaba a vivenda.
Sen embargo, unha vez alí, os equipos de intervención comprobaron que eran incapaces de avanzar debido ás característica do terreo e ás dimensións dos seus camións. Por iso, tiveron que botar man de medios máis pequenos aos que facilitarlles auga na distancia e tratar de apagar o lume. Desta forma, pediuse colaboración ao concello de veciño de Campo Lameiro e tamén aos voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.
De momento, descoñécense as causas do incendio, xa que, segundo explicaron os equipos de extinción, a casa carecía de electricidade.