O Partido Socialista presenta emendas aos orzamentos da Xunta "diante dos continuos incumprimentos con Poio"
Por Oskar Viéitez
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Poio, Julio Casás ,e o portavoz do grupo municipal, Gregorio L. Agís, reuníronse coa deputada Paloma Castro para dar conta das emendas presentadas ao orzamento da Xunta e defender no Parlamento "os proxectos bloqueados polo Partido Popular".
Na reunión reflectiuse o compromiso do PSdeG-PSOE para demandar do goberno que preside Alberto Núñez Feijóo "a execución dos proxectos bloqueados e un trato non discriminatorio con Poio".
Entre outros proxectos citan: Os paseos marítimos de Raxó e Covelo, o polígono de Fragamoreira, a mellora do saneamento en Vilariño e Fragamoreira, a seguridade peonil na PO-308 (Chancelas – Combarro e Combarro – Fontenla) e a mellora no entorno de A Barca, Andurique e Porteliña.
Tamén demandará o novo Centro de Saúde "tan necesario para a mellora dos servizos sanitarios do noso concello".
Paloma Castro destacou que "os orzamentos do goberno de Feijóo levan anos esquecéndose deste municipio, non o podemos consentir. Os veciños e veciñas de Poio non merecen este abandono".
Pola súa banda, Gregorio Agís indicou que "debemos esixir á Xunta actuacións concretas en Poio e non escusas" e engadiu "cando un proxecto deixa de depender do PP se resolve, como é o caso da depuradora ou as obras de Campelo, e cando depende do PP so existen mentiras e confrontación para non facer nada, co aval do señor Moldes que serve de coartada".
Finalmente, o secretario xeral Julio Casás rematou dicindo que "Poio non merece este trato, o apagón non orzamentos é unha burla a nosa veciñanza".