A reforma da praza de Barcelos rozará os 6 millóns de euros

Por Alejandro Espiño

© Mónica Patxot

© Concello de Pontevedra

© Concello de Pontevedra
Ata os 5,8 millóns de euros irá a reforma prevista na Praza de Barcelos. Así o anunciou este xoves o edil de Obras, Demetrio Gómez, que destacou que esta actuación converterase na máis ambiciosa realizada na historia da cidade.
O goberno municipal xa ten nas súas mans o proxecto básico e prevé sacalo a contratación nos próximos meses. Antes, haberá reunións con comerciantes, con veciños e cos responsables do colexio para recoller as súas impresións e introducir posibles modificacións.
A reforma terá como eixo a creación de dúas grandes áreas de parque infantil, que estarán dividas por idade dos usuarios. Haberá ademais tres pistas polideportivas, que ocuparán o espazo do actual parque infantil, e haberá unha zona con mesas de ping-pong.
Tamén se reformará o espazo que utiliza o CEIP Barcelos como patio de recreo. O seu aspecto aínda non está determinado, xa que se acordará co centro.
A praza contará con máis zonas verdes e haberá unha gran zona axardinada pegada ao muro do convento de Santa Clara. A través dunha pradería esta zona verde, na que haberá diferente mobiliario urbano, chegará ata o centro da praza onde se instalará unha gran pérgola.
Outro dos grandes cambios será o relativo aos accesos peonís ao aparcamento soterrado. Serán edificios "acordes", segundo Demetrio Gómez, ao futuro deseño deste espazo. Estarán construídos en formigón e vidro e estarán recubertos dunha celosía de aceiro.
O pavimento da praza será de formigón, salvo nas zonas verdes e nas áreas de xogo.
A ampliación das beirarrúas, que serán máis anchas en todo o perímetro, tamén se inclúe nesta reforma de Barcelos que, ademais, reservará un espazo na zona sur da praza para as terrazas da hostalería, ao ser a zona na que se concentran estes establecementos.
Con respecto ao tráfico, Barcelos quedará cun único carril de circulación. Entrarase por Perfecto Feijóo ou por Benito Corbal a través de Vasco da Ponte. Sairase por Rouco. Ademais, manteranse as entradas e saídas ao actual aparcamento subterráneo. O aspecto da calzada será similar ao que existe en Arcebispo Malvar.
Os aparcamentos, que quedarán unicamente á beira dereita do sentido da circulación, serán en liña e, previsiblemente, estarán reservados para servizos.
O Concello confía en que as obras de remodelación de Barcelos poidan comezar este 2021.
Relacionadas:
-
Estudarán incluír unha área para xogos tradicionais na futura reforma da praza de Barcelos
Por Redacción |
-
O Concello traslada a Amizade os detalles da reforma urbana de Barcelos e a rúa Santiña
Por Redacción |
-
A comunidade escolar achegará suxerencias á reforma da praza de Barcelos
Por Redacción |
-
Novas áreas de xogos, máis zonas verdes e un único carril perimetral: Así será a futura Plaza de Barcelos
Por Alejandro Espiño |