Alertan da presenza de medusas nas Rías Baixas e de como actuar ante unha picada
Por Anxo Lourido
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) alerta da presenza durante os últimos días de carabelas portuguesas (Physalia physalis) e outras especies de augamares no litoral das Rías Baixas e na costa atlántica. Estas denominadas "medusas" son asociacións de animais diferentes que viven en colonia, con diferentes funcións de flotación, caza e reprodución, segundo indican desde este organización que se encarga do estudo de especies mariñas.
Apuntan a que a presenza destes corpos brandos é un proceso natural de achegamento de masas de auga quentes empuxadas por borrascas procedentes do oeste. Desta forma vanse achegando ás costas galegas especies como a Physalia physalis, pero antes detectáronse outras como a Pelagia noctiluca, Chrysaora hysoscella, Velella velella ou a Rhizostoma pulmo.
O colectivo investigador asegura que a diminución de tartarugas mariñas, depredador natural destas augamares, nos últimos anos en todo o planeta é a causa que provoca o aumento das popularmente denominadas medusas nas praias das Rías Baixas.
CEMMA recomenda tomar precaucións sempre que se detecten nas beiras dos areais. En moitas ocasións non se detecta a especie completa, senón tentáculos rotos ao fracturarse o animal polas ondas pero eses fragmentos de auga mar poden seguir activos e é necesario o paso dun día de sol para desactivar os efectos das células urticantes.
É preferible evitar paseos na zona de rompentes de ondas onde poden abundar eses fragmentos de medusa e evitar tocar estes organismos aínda que parezan mortos. Principalmente alértase a menores e persoas con historial de enfermidades cardíacas ou alerxias como atopía ou asma e, sobre todo, a persoas que xa foron picadas por medusas xa que se atopan sensibilizadas e a reacción adóitase presentar de maneira máis severa.
Ante unha picadura aconséllase tentar identificar a especie de medusa que ocasionou o dano porque resultará máis fácil atopar o tratamento médico para desactivar o filamento que se crava na pel da vítima.
En todo caso, nunca se debe limpar con auga doce ou rascar a zona afectada. Sempre se deberá usar auga salgada ou mellor aínda, soro fisiolóxico. Deberase extraer calquera resto de tentáculo que permaneza adherido á pel, sempre coas mans cubertas. O ideal é realizar esta operación con pinzas e luvas. No caso dunha carabela portuguesa, o CEMMA indica que unhas luvas finas de látex serán insuficientes para protexer de novas picaduras.
No caso das carabelas portuguesas débese aplicar calor ou inmersión en auga quente durante 15 minutos. Pero a solución é diferente co resto de especies, nos demais casos débese aplicar frío durante un cuarto de hora utilizando unha bolsa con xeo pero nunca aplicar o xeo directamente ao tratarse de auga doce.
Se a vítima non mellora tras máis de 15 minutos de aplicación da bolsa de xeo ou se comezan complicacións respiratorias, convulsións ou alteracións cardíacas, debe ser trasladada de maneira inmediata a un centro hospitalario para unha observación urxente.