O Centro de Saúde e o río Umia acaparan as emendas do BNG para Caldas aos orzamentos da Xunta
Por Redacción
O BNG presentou emendas aos orzamentos da Xunta referidas a Caldas de Reis por dous millóns euros. Así o deron a coñecer este venres o portavoz municipal, Manuel Fariña, e o deputado no Parlamento Galego, Luís Bará.
As emendas fan referencia a dúas cuestións que o BNG considera prioritarias: O Centro de Saúde e o río Umia.
Por unha banda, a emenda do BNG incorpora un millón de euros, que permitiría asinar o convenio entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Concello de Caldas, facer o proxecto e licitar a obra de construción dun novo centro de saúde na parcela ofrecida polo Concello na parroquia de Santa María.
O BNG entende que con esta nova infraestrutura se poderá resolver a "grave carencia de espazos" que ten o actual centro de saúde, que "impide que se poda prestar unha atención sanitaria de calidade e que, obriga, por exemplo, a que o servizo de matrona se teña que prestar noutro edificio", segundo sinalaron os nacionalistas.
Por outra banda está actuación ambiental no río Umia, á que tamén propón o BNG destinar un millón de euros. Asegurán que o Umia "está nunha situación sanitaria, ambiental e de calidade das augas realmente preocupante, derivada fundamentalmente do encoro da Baxe".
Neste sentido, o BNG considera "imprescindíbel" actuacións no ámbito sanitario, co control epidemiolóxico; no ámbito ambiental coa protección da bacía e da vexetación da ribeira, coa eliminación das plantas invasoras e coa realización dun estudo sobre a viabilidade da demolición do encoro da Baxe, "para corrixir todos os graves problemas que causa esta infraestrutura", concluíron.
Relacionadas:
-
Envían unha carta desde o BNG á conselleira de Infraestruturas para alertala de que o Umia "é un morto en vida"
Por Redacción |
-
Aprobado o Plan de Infraestruturas e Dotacións da parcela destinada ao novo centro de saúde de Caldas
Por Redacción |
-
O BNG reivindica unha mellor sanidade e máis seguridade viaria para Barro
Por Redacción |