Unha parella cun neno tivo que ser rescatada en Xiabre ao quedar o seu vehículo atrapado polo xeo
Por Oskar Viéitez
Unha parella cun neno tivo que ser rescatada en Xiabre ao quedar o seu vehículo atrapado polo xeo. O suceso saldouse cun bo susto e unha sanción por incumprimento da normativa sanitaria.
Segundo informaron fontes oficiais do Concello de Vilagarcía todo sucedeu ao redor das 10.45 horas deste venres, cando o Servizo Municipal de Emerxencias recibe a chamada de auxilio dunha muller embarazada e a súa parella que se quedaran atrapados no coche cando subían co seu fillo pequeno a Xiabre para ver si había neve.
Chegado un momento, e cando subían cara Meda, o estado da estrada, cuberta na súa totalidade por unha grosa capa de xeo, impediulles avanzar e tamén dar marcha atrás, correndo o risco de esvarar pola forte pendente da vía e mesmo de despeñarse pola empinada ladeira do monte.
O equipo de Emerxencias tamén tivo serias dificultades para acceder ao punto no que se atopaba a familia debido ás placas de xeo, logrando liberar o vehículo tras picar a grosa capa de escarcha para abrir camiño e que o coche puidera ir descendendo pouco a pouco.
Maila que, por sorte, a cousa quedou nun bo susto, a irresponsabilidade cometida pola parella non lles saíu de balde, posto que á chamada de auxilio acudiron tamén varias patrullas da Garda Civil que, tras colaborar no rescate, cursaron as correspondentes denuncias aos rescatados, veciños de Vilagarcía, por terse saltado o peche perimetral, ao atoparse na parte de Xiabre que pertence ao municipio de Catoira.
O desta mañá, non foi o único incidente deste tipo acontecido en Xiabre pola imprudencia dos condutores. Antonte tivo lugar outro similar, aínda que nese caso, o protagonista puido abandonar o coche nun saínte da estrada e foi recollido e desprazado ata Vilagarcía polos efectivos de Protección Civil que acudiron a súa chamada de auxilio. O coche recuperouno ao día seguinte.
A GARDA CIVIL VOLVE A PRECINTAR O PASO A MEDA
Tras este primeiro incidente, o Servizo Municipal de Emerxencias pechou a estrada de acceso á punta de Meda á altura do Parque de Fontefría, advertindo dos motivos de seguridade debido á acumulación de xeo polas baixas temperaturas. Hoxe, cando acudiron a rescatar á parella co cativo, a cinta estaba cortada e o paso aberto, polo que unha vez realizado o rescate, foi a Garda Civil quen volveu a precintar o paso.
O Concello de Vilagarcía fai un chamamento á prudencia da cidadanía e alertan do grave perigo ao que se expoñen as persoas que acoden en calquera tipo de vehículo ao monte coas estradas completamente xeadas, risco ao que tamén someten ás persoas que posteriormente teñen que acudir a rescatalas.