As árbores de Nadal alongan a vida en Tomeza
Por Redacción & Cristina Saiz
O 'Bosque de Nadal' de Tomeza empeza a tomar forma. A Concellaría de Montes de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Tomeza deron este sábado os primeiros pasos para facer realidade esta iniciativa que permitirá alongar a vida das árbores de Nadal empregadas como decoración nos fogares pontevedreses.
En concreto, o bosque naceu este sábado coa plantación de 25 exemplares de árbores que durante o período de Nadal foron utilizadas como elementos decorativos nos fogares pontevedreses, na que participou o concelleiro da área, Alberto Oubiña; representantes da Comunidade de Monte; e as familias que doaron as árbores.
Ao redor de 30 persoas adultas e 10 nenos e nenas participaron nesta primeira plantación, que se realizou nunha zona forestal situada a carón do campo de fútbol vello (subindo cara a San Cibrán), nunha área previamente delimitada e na que se utilizou compost procedente dos centros de compostaxe comunitaria da cidade.
Nos vindeiros días, membros da Comunidade de Montes supervisarán estas árbores para favorecer o seu enraizamento.
Esta iniciativa, que chega da man da Concellaría de Montes e da Comunidade de Montes de Tomeza, nace coa perspectiva de manterse e mesmo ampliarse nos vindeiros anos.