2021 chega a Ponte Caldelas con investimentos sen precedentes por 1,5 millóns de euros
Por Redacción
Ponte Caldelas vivirá en 2021 o ano máis inversor da súa historia. Segundo os datos facilitados polo Concello, faranse investimentos por máis de 1,5 millóns de euros.
Desde o Concello destacan que poden realizar este investimento "grazas á boa situación económica" que presentan as contas municipais e á "boa xestión" que permitiu conseguir dúas subvencións europeas para dous proxectos que se iniciarán nas vindeiras semanas: a reforma da avenida de Galicia e a mellora da estrada do Balneario.
A mellora da estrada do Balneario saíu a licitación por 647.208,59 euros ive incluído e a obra da avenida de Galicia por 409.211,33.
Durante 2021 realizaranse, segundo o alcalde, Andrés Diaz, obras que teñen como obxectivo mellorar a calidade de vida dos veciños do rural e do casco urbano e seguir modernizando o concello, que "ano a ano medra en poboación”. O rexedor confía en poder executar todas as obras en 2021, pois boa parte dos traballos está previsto que comecen nas vindeiras semanas.
Ademais desas dúas con fondos europeos, está prevista a construción da nova Casa do Pobo de Tourón, para a que Comunidade de Montes xa cedeu ao Concello os terreos, e que suporá un investimento duns 40.000 euros; e a terceira fase da estrada Barbudo- Anceu, cun custe aproximado de 35.000 euros.
En 2021 tamén se levará a cabo o empedrado das beirarrúas da Rúa da Ponte, valorado en 84.078,75 euros; e a reforma integral da rúa Manuel Cordo Boullosa, que xa foi adxudicada por 17.725,27 euros e que se iniciará nos vindeiros días.
O Concello tamén ten reservada unha partida de 100.000 euros para ampliación de camiños no rural do municipio co obxectivo de que poidan pasar vehículos de emerxencias e ambulancias e contempla unha inversión duns 200.000 euros en asfaltados de varios viais municipais.
Tamén se está ultimando o proxecto da mellora integral da estrada interior de Vilarchán, na que se investirán preto de 150.000 euros. O acondicionamento dunha zona verde e da zona de aaparcamento central de detrás da Ludoteca suporá un investimento de 77.047,80 euros.
A maiores, o Concello seguirá adiante co proxecto para instalar en distintos puntos da vila bancos iluminados con LED e provistos de cargador USB, con xardiñeiras e con papeleiras. Serán 5 bancos; 11 xardiñeiras e 9 papeleiras que suporán un investimento de máis de 30.000 euros.