O PP faise eco de queixas veciñais en Barbudo por problemas de accesibilidade e iluminación
Por Redacción
O PP de Ponte Caldelas fíxose eco este sábado das queixas recibidas por parte de varios veciños da parroquia de Barbudo referentes ao mal estado, con ameaza de derrube, do Camiño do Casteliño, así como determinadas necesidades relacionadas coa mellora da iluminación nos camiños do entorno do Casino.
Os 'populares' levarán ao vindeiro Pleno da Corporación estas queixas e destacan como especialmente urxente unha intervención no Camiño do Casteliño, no ramal que dá acceso a unha vivenda onde vive soa unha muller octoxenaria que ten dificultades para que a empresa subministradora de gasóleo para a calefacción poida atendela.
Segundo denuncia o PP, o camión ten que pasar por este vial que ameaza derrube para acceder ao domicilio. No camiño xa caeron varias pedras e as fendas pódense observar a simple vista, de maneira que hai un grave risco de desprendemento e de colapso. Estes problemas tamén afectan ao acceso de vehículos de emerxencia.
Outras queixas están relacionadas coa falta de visibilidade e de iluminación nos camiños existentes debaixo do Casino de Barbudo tras unha reorganización no alumeado público. Retiráronse varios puntos de luz no entorno deste local social e non se ubicaron outros. O PP asegura que hai queixas veciñais por situacións de perigo para a seguridade vial para as persoas maiores con problemas de mobilidade.
O PP tamén trasladará ao Pleno a necesidade de reparar as fochancas de varios tramos dos camiños adxacentes ao Casino de Barbudo que se atopan en situación de grave deterioro polo uso de vehículos, sobre todo no lugar utilizado habitualmente para que os coches dean a volta ante os angostos e estreitos viais da zona.