O cribado realizado na Illa chegou ao 90% da poboación e fixo aflorar oito asintomáticos
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O cribado realizado entre o venres 8 e o sábado 9 de xaneiro na Illa de Arousa para localizar posibles pacientes con covid-19 asintomáticos e, desta forma, frear a expansión da enfermidade na localidade tivo unha participación elevada, do 90%, e tan só fixo aflorar ata oito positivos.
Segundo a información facilitada polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, esa participación foi "das máis altas con diferenza" de todos os cribados realizados ata o momento en Galicia durante esta pandemia.
En total, estaban chamadas a realizar análise 3.664 persoas de máis de 15 anos e fixérono 3.285. As persoas de entre 15 e 69 anos realizaron a proba entregando mostras de saliva e as maiores de 70 anos, con probas nasofarínxeas.
No grupo de persoas de 15 a 69 anos, analizáronse 2.739 mostras e confirmáronse sete positivos.
No caso do grupo de persoas de máis de 70 anos, analizáronse 546 mostras e detectouse igualmente un positivo. Hai ademais dúas mostras aínda en estudo por parte do servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
A Consellería de Sanidade acordou realizar este cribado xeneralizado de toda a poboación da Illa porque na localidade disparáronse os contaxios nas últimas semanas e chegou a ter unha das taxas de incidencia acumulada a 14 días máis elevadas de Galicia.