Moreira acusa Lores de buscar "unha desculpa para fuxir da cidade" e evitar a negociación pola Brilat
Por Redacción
O voceiro do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, valorou nun comunicado, despois de falar coas partes implicadas, a situación da negociación entre comuneiros e Defensa sobre o uso dos terreos da base.
Moreira pediu un esforzo a ambas as dúas partes en busca dunha solución que garanta o futuro da Brilat na súa actual situación. Neste sentido o responsable do PP local considera razoable a postura das comunidades de montes de Vilaboa, San Xulián e Figueirido: "todas as informacións apuntan a que desde un primeiro momento chegaron a un entendemento co Ministerio".
Jacobo Moreira: "(Lores) debería abandeirar a mediación en vez de facer turismo en Alemaña"
Por outro lado Jacobo Moreira criticou a actuación do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen acusa de buscar "unha desculpa para fuxir da cidade" e non tomar parte na negociación, na que cree debería estar como mediador: "debería abandeirar a mediación en vez de facer turismo en Alemaña, pois, independentemente da importancia do debate ao que foi invitada Pontevedra, ben podería estar representada por outro concelleiro ou por un técnico, como xa sucedeu noutras ocasións".
O voceiro popular defendeu a importancia que ten a Brilat na cidade, asegurando que se trata da primeira empresa da bisbarra.