Poucas vendas no comezo dunhas rebaixas marcadas pola pandemia e o peche perimetral
Por Manu Otero & Mónica Patxot
As rebaixas xa están aquí, pero as vendas non acaban de explotar. Á xa desigual loita entre o pequeno comercio pontevedrés coas grandes superficies úneselle este ano as restricións derivadas da pandemia da covid-19, o que leva aos comerciantes a non pensar en elevadas facturacións senón en subsistir.
"A cousa está fatal. Estamos nunha guerra contra a covid que cambiou a nosa forma de vivir. Hai paro e iso debilita a economía. Ante o medo, a xente o que fai é aforrar", explica o presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Miguel Lago, as malas expectativas que ten o sector sobre esta campaña.
"Estamos nun momento moi débil de consumo e o confinamento perimetral inflúe, porque só podes comprar no teu municipio", lembra o portavoz dos comerciantes que desexa que a presenza de xente nas rúas tradúzase en vendas nos pequenos comercios da cidade.
Na mesma liña pronúncianse en tendas de roupa da zona vella de Pontevedra. "A cousa vai moi lenta", admiten tanto Mercedes, de Lagasca Vintage; como Inma, de Carnaby.
Aínda que a campaña de Nadal foi positiva, as previsións para as rebaixas non eran boas. "Xa pedimos menos mercadoría porque sabiamos o que ía pasar", detalla Inma, que lamenta os efectos do peche perimetral que impide a moitos clientes habituais doutros municipios acudan á tenda para realizar as súas compras.
"O frío inflúe tamén, pero o peche perimetral si que o notamos", remarcan desde Lagasca. En ningun comercio queren comparar as cifras desta campaña coa do 2020. "Non se pode comparar, pero para mal", sinala Mercedes.
"O importante agora é manterse abertos, logo xa se verá", remata Inma tirando de optimismo.