Piden 21 anos de cárcere para o home acusado de violar unha anciá en Bueu
Por Redacción
O coñecido como violador en serie de Marín, responsable segundo as autoridades de polo menos tres agresións sexuais a outras tantas mulleres, sentará esta semana en banco da Audiencia de Pontevedra. Deberá responder por un destes asaltos.
É, precisamente, o que maior alarma social causara no seu día. A agresión sexual que sufriu unha muller de 75 anos, veciña de Bueu, á que este home presuntamente violou tras entrar de madrugada no seu domicilio para roubarlle.
O acusado, ao que se lle imputan os delitos de agresión sexual, lesións e roubo, será xulgado a partir de mañá por uns feitos que se produciron en marzo de 2017.
O fiscal relata que o acusado, tras fracturar os cristais e os barrotes da porta traseira da vivenda da vítima, subiu polas escaleiras e entrou na habitación na que esta durmía.
A muller, que vivía soa no domicilio, viuse sorprendida polo seu asaltante, que vestía roupa escura e ía tapado por un pasamontañas, cando o home acendeu a luz da habitación.
Tras sacarlle o pixama á forza e pegarlle cinta illante na boca e na cabeza, o acusado tapoulle a cara coa roupa da cama e atouna de mans e pés, segundo explica o fiscal, para a continuación agredila en reiteradas ocasións e violala.
Antes de irse, o agresor colleu os 1.250 euros que a muller tiña no seu bolso e, para evitar que esta pedise auxilio de inmediato, tirou o seu teléfono móbil ao lixo e abandonou a vivenda tras cortar a cinta coa que atara á muller polos nocellos.
O acusado foi identificado e detido oito meses despois e, desde entón, está ingresado en prisión provisional comunicada e sen fianza.
En concreto, o fiscal pide para el 21 anos de cárcere: quince por agresión sexual, dous anos por un delito de lesións e catro anos por un delito de roubo con violencia.
Ademais, reclama que teña que indemnizar á vítima con 3.060 euros polas lesións que lle causou e as secuelas psicofísicas que arrastra desde entón, que devolva os 1.250 euros roubados e que asuma o custo de reparación das portas fracturadas
A maiores desta agresión sexual, os investigadores relacionárono con outras dúas violacións a dúas mulleres de 36 e 42 anos de idade, ás que asaltou noutra vivenda de Bueu e nun bar de Cangas en xullo e en setembro de 2016 respectivamente.
Relacionadas:
-
Condenan a 20 anos de cárcere o home de Marín que violou unha septuaxenaria en Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
Nega ter agredido sexualmente a unha septuaxenaria na súa casa de Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
Suspenden o xuízo contra o acusado de violar a unha muller de 75 anos por un posible caso de covid
Por Oskar Viéitez |
-
Envían a prisión ao presunto violador en serie de Marín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
A Garda Civil detén un veciño de Marín como sospeitoso de tres violacións no Morrazo
Por Natalia Puga |
-
Asaltan unha anciá de Bueu na súa casa e agrédena sexualmente tras amordazala
Por Redacción | Creada e actualizada