Un home lánzase ao Lérez en pleno inverno para evitar ser detido pola Policía Local
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A contorna da Ponte de Santiago, en Pontevedra, está a ser escenario dun insólito operativo policial. Coches de policía, ambulancias, bombeiros e decenas de curiosos apíñanse nas beiras do río Lérez observando como os axentes tratan de apresar a un home duns 30 anos que se lanzou á auga para evitar ser detido pola Policía Local.
O suceso produciuse arredor das 16.35 horas na rúa Rafael Areses. Unha patrulla da Policía Local recoñeceu a un individuo sobre o que pesaba unha orde de entrada en prisión. Os axentes procederon a identificalo e antes de detelo, o home emprendeu a fuga a pé. Ao ver que non tiña escapatoria decidiu lanzarse ao río, en pleno inverno e cunha temperatura que apenas supera os 10 graos.
Os gardas trataron de convencelo para que saíse da auga, pero o mozo permaneceu máis de media hora na auga negándose a saír. Mentres tanto, seguían chegando curiosos ao lugar e na contorna agardaban os axentes da lei e sanitarios para intervir cando fose necesario.
Finalmente, o home acabou sendo detido por axentes da Policía Local, que se tiveron que meter no río, nas inmediacións da Ponte dos Tirantes.
Testemuñas do ocorrido explicaron a PontevedraViva que durante o operativo procedeuse tamén á detención dunha muller que circulaba nun vehículo de cor vermella pola ponte de Santiago, aínda que polo momento a Policía Local non o confirmou