A Fiscalía pide 5 anos de prisión para unha parella acusada de introducir droga no cárcere da Lama durante un vis a vis
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra celebrou este martes un xuízo por un delito contra a saúde pública. A Fiscalía demanda cinco anos de cárcere para unha muller e o seu compañeiro sentimental, interno no centro penal da Lama, sospeitosos de introducir droga na prisión tras manter un encontro vis a vis.
O caso procede do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra.
Segundo declarou a acusada Sonia, respondendo unicamente as preguntas do seu avogado, o día 12 de abril de 2019 acudiu ao centro penal da Lama para gozar dun vis a vis íntimo coa súa parella Juan Manuel, interno nesa prisión.
Sonia explicou que foi sometida a cacheos integrais á entrada e á saída do cárcere sen que lle fose detectada ningunha substancia estupefaciente. A acusada tamén explicou que consome drogas desde que tiña 15 anos e que se someteu a tratamentos de desintoxicación en Proxecto Home, Alborada e Érguete.
Pola súa banda, Juan Manuel declarou diante do tribunal que "la droga la compré en la cárcel a un moro del módulo" ao que identificou como "Mohamed" negando que se puxera previamente de acordo con Sonia para que ese día a acusada introducise estupefacientes no centro penitenciario.
Antes de entrar no via a vis non foi cacheado pero ao saír do encontro íntimo foi sometido a un rexistro no que se lle interveu cocaína oculta nunha das súas zapatillas e el mesmo colaborou explicando que tamén tiña haxix escondido no ano. Unhas substancias que unha vez pesadas e analizadas resultaron ser 2,552 gramos netos de cocaína cunha riqueza do 75,87% e 30,8 gramos netos de resina de cannabis. No mercado ilegal a cocaína intervida tiña un valor de 25 euros, e o haxix de 170 euros.
Juan Manuel explicou que comprou esa cantidade porque resultaba máis barato que adquirir doses máis pequenas negando que a tivese destinada á venda e subministración a terceiras persoas. Ademais dixo que levaba a droga sempre consigo para evitar os constantes controis que hai en prisión. Do mesmo xeito que fixese a súa parella o acusado tamén recoñeceu a súa adicción ás drogas "desde los 15 años". Desde setembro de 2014 estaba ingresado en prisión por un delito de tráfico de drogas.
Durante a vista oral compareceron varios funcionarios de prisións que asinaron a acta de intervención da droga e cuxa función era controlar aos internos nas súas comunicacións con persoas do exterior. Igualmente o subdirector do Centro Penitenciario da Lama explicou que foi el quen deu a orde de cacheo partindo dunha "sospeita" xa que en anteriores ocasións a este interno xa lle interviñan droga. "Tiña a certeza de que ía meter droga polos antecedentes", declarou a preguntas da Fiscalía.
O xuízo retomarase o vindeiro xoves 21 de xaneiro ao non poder asistir hoxe un das testemuñas consideradas pola Fiscalía "proba de cargo".