Poio ampliará a mellora da Rúa Lameiriña ata o núcleo de Caneliñas
Por Redacción
A reforma da Rúa Lameiriña, en Raxó, quedara pendente tras a quebra da empresa Nexia antes do inicio dos traballos. Case un ano despois o goberno municipal de Poio retomará esta actuación pero ampliando o seu ámbito de actuación ata o núcleo de Caneliñas.
Esta obra, que sairá de novo a contratación, contempla a dotación dunha nova superficie de empedrado, a través dunha extensión aproximada duns 600 metros. O proxecto está valorado en algo más de 200.000 euros, segundo explicou a edil de Obras, Chelo Besada.
"A nosa intención era que esta obra xa estivese feita, pero o cese de Nexia e o posterior confinamento, que obrigou a paralizar durante meses toda a actividade administrativa, demoraron o proceso", engadiu Besada.
De cara a esta nova licitación, o Concello engadirá unha segunda fase que permita estender o novo empedrado ata o núcleo de Caneliñas, onde xa existe este tipo de firme.
Con respecto á dotación do empedrado, o goberno municipal aposta por esta superficie por ser moi resistente e duradeira e, por outra banda, moi respectuosa coa contorna, poñendo en valor este núcleo no que hai varias vivendas tradicionais.
Este tipo de superficie xa se aplicou noutras actuacións similares acometidas polo Concello como é o caso da humanización da Seara ou en Tarrío, na parroquia de Samieira.
O PP RECLAMA UNHA ACTUACIÓN INTEGRAL
Con respecto a esta reforma, o Partido Popular reclama que se faga unha actuación integral para resolver uns problemas "que os veciños levan anos denunciando sen que o Concello os escoite", segundo denunciou Ángel Moldes.
"Os veciños están cansos de sufrir, ano tras ano, socavóns, inundacións, e que desde o Concello non se lles escoite ou se responda con parches", lamentou Moldes, que cualificou de "incomprensible" que a rúa sexa unha das máis deterioradas de Poio.
Nunha visita a esta zona, o voceiro do PP estivo acompañado por veciños e propietarios de vivendas afectadas, que detallaron as consecuencias do estado da rúa, como asolagamentos na calzada, estragos nas fachadas e nos cristais polas pedras e a auga que levantan os coches, avarías nos vehículos ou inseguridade para coches e peóns.