O atracador de supermercados, buscado tamén por asaltos similares en Ourense
Por Natalia Puga
O veciño de Ponteveda E.G.S., detido na noite do mércores como presunto autor dos últimos atracos en establecementos de alimentacion de Ponteveda e Marin, tamén tería cometido roubos con intimidación similares en Ourense.
Fontes policiais indicaron que o home, de 39 anos, pasará a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra ao longo da mañá deste venres e, mentres tanto, a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) e a Policía Científica da Comisaría de Pontevedra seguen pechando a lista de delitos que se lle atribuirán.
Ata o momento, segundo puido saber este xornal, se lle considera autor de seis atracos en Pontevedra e Marín no último mes. O primeiro remóntase ao 12 de agosto nunha panadaría de Pontevedra e o último a un estanco o sábado en Marín. No mes que mediou entre ambos os dous asaltos, asaltou dous supermercados da cadea Día na cidade de Pontevedra (o último fai apenas uns días e do que non transcenderon datos), un Moldes en Monte Porreiro e outro Día en Marín.
Ademais, cando o mércores foi arrestado na Finca do Teucro de Pontevedra, lugar que utlizaba como refuxio dende hai semanas, os axentes tamén comprobaron que estaban a ser buscados por, polo menos, dous roubos con intimidación en Ourense. Ata o momento, non se puido verificar se pode ser o autor dun asalto a un establecemento 24 horas de Poio a semana pasada.
Todos os roubos polos que se lle investigan teñen un modus operandi similar e todos os cometeu un individuo coa cara practicamente tapada cun pasamontañas de cor negra. En todos eles, entrou no establecemento aproveitando un momento de pouca actividade, ameazou o persoal cunha pistola (un cútter no estanco de Marín), e, na maioría, usou unha moto para escapar.