A Deputación intensifica o dispositivo de seguridade nas estradas pola onda de frío
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra intensifica o seu operativo para garantir a seguridade na rede viaria da provincia con motivo da onda de frío rexistrada nos últimos días. Os parques provinciais de maquinaria traballan ao longo dos 1.700 quilómetros de estradas para atender incidencias e esparexer o sal necesario para evitar a formación de placas de xeo.
A maior actividade dos operarios está a ter lugar no terzo norte da provincia, zonas nas que se están rexistrando as temperaturas máis baixas. Nos últimos días xa foron esparexidas polas estradas dependentes da Deputación máis de 190 toneladas de sal a través de percorridos preventivos por case toda a rede.
Con respecto ás incidencias, a maior parte das mesmas producíronse en municipios da comarca do Deza, pero na listaxe das trinta intervencións realizadas tamén figuran municipios das comarcas de Arousa, Morrazo, Salnés ou Pontevedra.
As previsións alertan de que o frío seguirá azoutando a provincia, polo que a Deputación dispón aínda de máis de 120 toneladas de sal almacenadas nos parques de Ponteareas, Gondomar, Pontevedra, A Estrada e Lalín. Contan tamén con maquinaria específica, en concreto con seis esparcidores de sal instalados en camións e catro quitaneves.
O operativo, con saídas preventivas á primeira hora da mañá e a última da tarde, está formado por preto de 80 persoas. Ademais, os traballadores traballan en quendas de mañá e tarde, así como de garda localizada durante as noites para atender de forma inmediata calquera incidencia.